publicidade hoxe

Amplíanse as oportunidades laborais dos desempregados de Fisterra, Cee e Corcubión a través do obradoiro ‘Camiño do Solpor II’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCeeCorcubiónFisterra
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou hoxe o obradoiro de emprego ‘Camiño do Solpor II’ que comparten os concellos de Fisterra, Cee e Corcubión e que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou con preto de 180.000 euros.

Por segundo ano consecutivo, estes tres concellos levaron a cabo esta iniciativa mixta de formación e emprego que permitiu que os seus 20 participantes recibiran unha formación de calidade e un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e de instrución en ioga.

Este programa serviu, ademais, para que estas persoas sen emprego accederan a un posto laboral a través do que levaron a cabo o acondicionamento de diversas zonas verdes e xardíns dos tres municipios e participaron en xornadas de portas abertas e demostrativas de ioga nos centros educativos das tres localidades.

En concreto, en Fisterra melloraron o xardín da rúa Patres, do parque biosaudable de Langosteira, de San Roque, do área infantil de Santa María das Areas, e de zonas recreativas do espazo de Cabanas. En Cee puxeron en valor os xardíns do paseo marítimo, da Praza dos Castiñeiros e do contorno do centro comercial. Por último, en Corcubión acondicionaron as zonas verdes da Praza do Concello.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade” e, neste senso, indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, un eixo que se plasmará na Axenda de Emprego que se presentará nos próximos días.

Ademais, indicou que estes programas, ademais de promover a formación e o acceso a un emprego, fomentan a colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación coas Administracións locais. Por todas estas vantaxes que ofrecen os obradoiros, Marnotes afirmou que o Goberno galego inviste este ano un total de 14 millóns de euros nestes programas.

En definitiva, o director xeral sinalou que a Xunta está a darlle un novo pulo ao emprego, preparando á mocidade para ser capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia e impulsando a formación nos sectores estratéxicos e emerxentes. “Investir en cualificación é apostar pola creación de emprego e novas oportunidades” rematou.

29 de febreiro de 2016 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.