Ames Radio comeza a serie de programas adicados a Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Ames Radio celebra nas ondas a semana de Ames con Rosalía, sumándose á conmemoración do nacemento da escritora cunha programación especial na que participan máis de 50 veciños e veciñas de Ames e escritores e escritoras que habitan no municipio.

A poetisa galega, histórica veciña da parroquia de Ortoño, será a gran protagonista das emisións do 107.2 FM. Os programas poderanse escoitar tamén na páxina web municipal. Veciños e veciñas de Ames quixeron aportar o seu gran de area nesta empresa; de todas as idades e pertencentes a colectivos moi distintos as voces dos amesáns e das amesás poñerán voz a varios poemas de Rosalía de Castro, que se poderán escoitar salpicados na programación musical da radio.

Os escritores e escritoras residentes en territorio amesán enfrontáronse os micrófonos de Ames Radio para relatar a súa vinculación á figura rosaliana, e de distintos aspectos da súa vida e obra. Polos estudios da radio municipal pasarán Manolo Portas, Carlos Negro, Inma López Silva, Séchu Sende, Rafa Vilar de María López Sande. Tamén serán entrevistados Armando Requeixo, premio nacional da crítica, e a profesora Dolores Vilaverde, responsable de escoller os versos da cartelería que decora dende a semana pasada os escaparates de Ames.

Un grupo de mozas e mozas do concello participarán nunha tertulia na que analizarán a contemporaneidade da obra de Rosalía de Castro, baseándose en poemas da escritora cuxo contido non perdeu vixencia cos anos, relatando problemas sociais nos que o público actual se pode sentir reflectido. Os comerciantes, cuxos escaparates convertéronse en marco da poesía rosaliana, tamén formarán parte da programación adicada á poetisa.

O mércores, día 24, aqueles e aquelas que non se poidan achegar ao Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20:30 horas poderán seguir os eventos da gala adicada especialmente a Rosalía que se celebrará ese día. A música de Leo i Arremecághona e de Xiana Lastra soará tamén no 107.2, e ambos prestarán as súas voces ás condutoras do programa en sendas entrevistas nas que explicarán os lazos que os unen á escritora.

 

22 de febreiro de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.