Ames presenta a programación con motivo da celebración do 179 aniversario de Rosalía de Castro

Presentación da programación
Esta mañá, as 11:30 horas a Casa do Concello acolleu a presentación da programación coa que, a vindeira semana e baixo o lema “Ames con Rosalía” conmemorarase o 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Aconcelleirade Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, e o concelleirode Educación e Cultura, David Santomil, anunciaron os distintos actos e actividades, que comezan pendurando unha lona na Casa do Concello, como símbolo do compromiso do Concello co pensamento e coa figura rosaliana. As actividades continúan na colocación de poemas rosalianos nos escaparates do comercios amesánse coa celebración dun acto literario-musical o mércores 24 de febreiro. A programación rematará cunha excursión a distintos lugares da Ruta Rosaliana.
Na rolda de prensa, Isabel Vaquero expresou que un dos motivos desta programación é difundir o pensamento rosaliano “como xeito de recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína das galegas e galegos”. En todos estes actos convídase a “participar á veciñanza amesá”. Ás 12:00 horas, trala presentación, colgouse a lona no balcón lateral da Casa do Concello. Nela figuran os versos “No sembrante a alegría, no corazón o esforzo”. Ambos concelleiros subliñaron que simboliza ” o compromiso do Concello de Ames co pensamento e figura rosalianos”. Unha figura á que, dende Ames, se lle garda “unha querencia especial”.
As actividades coordináronse para ofrecer un programa “variado” no que poida particiar toda a cidadanía, pero con especial atención á poboación máis nova” que será, ademais, unha das grandes protagonistas do acto do 24 de febreiro e da programación especial que Radio Ames dedicará a Rosalía.
Campaña coa participación dos comercios amesáns
Afirmou Isabel Vaquero que, dende o Concello, “agardamos tamén implicar a toda a veciñanza, que todas e todos os amesáns se sintan orgullosos de quen son e de teren como veciña unha figura do talle de Rosalía”. A concelleira de Normalización Lingüística engadiu que a obra e o pensamento rosaliano continúan a estar “totalmente vixentes na actualidade” e, ademais, “necesarios para acadarmos unha sociedade máis xusta”.
A programación de Rosalía, continúa coa distribución polos establecementos amesáns de carteis cunha ilustración da poetisa, cedida por Rei Zentolo, acompañada duns versos. Da escolma de estrofas encargouse a experta na figura da escritora e membro da Fundación Rosalía, Dolores Vilavedra. Os carteis situaranse nos escaparates dos establecementos para, en palabras de David Santomil, “dinamizar o concello local á vez que se lle achegan ao público fragmentos da obra da poetisa”. Os textos manteranse nos escaparates ao longo do mes de febreiro.
Acto central do Día de Rosalía de Castro
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle o mércores, 24 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía, os actos de homenaxe á escritora. A entrada ao acto literario-musical será libre e completamente gratuíta. Arrincará coa presentación da Declaración institucional da Corporación Municipal do Concello de Ames, na que se declarará publicamente o compromiso do goberno municipal de continuar coa conmemoración desta data.
Isabel Vaquero e David Santomil agradeceron “a participación de todas as persoas, tanto alumnado dos centros escolares amesáns, como á Asociación de xubilados e aos asistentes a Cursos de Lingua e Cultura Galega por acceder á colaborar coa lectura de textos e poemas escritos por Rosalía de Castro”. “Tamén contaremos coa presenza de dous persoeiros sobranceiros de Ames, Maximino Viaño e a propia Dolores Vilavedra”.
Pola banda musical, a homenaxe contará coas actuacións da artista Xiana Lastra, que estará acompañada ao piano por Adrián Saavedra, colaboradora do disco “A miña primeira Rosalía” e do “irreverentísimo” cantautor punk O Leo i Arramecághona, quen participou no proxecto conxunto “150 cantares para Rosalía de Castro”, libro dixital editado en 2015.
Ames Radio contribuirá á celebración desta data ao longo de toda a semana “emitindo programación dedicada especialmente á figura de Rosalía de Castro. Na radio municipal realizarán lecturas da obra rosaliana varios veciños e veciñas do municipio; escritores e escritoras do talle de Séchu Sende, Manolo Portas, Mª López Sánchez ou Rafa Vilar falaran nas ondas do que significou para eles e elas o poñerse en contacto coa figura de Rosalía e a importancia que ten a súa figura na literatura e na historia galegas.
Excursión poética pola Ruta Rosaliana
A programación concluirá cunha excursión en autobús, con saída o sábado 27 de febreiro ás 10:00 de Milladoiro e ás 10:15 de Bertamiráns e que fará parada por algunhas das localizacións da contorna nas que se atopan edificios ou lugares pertencentes á chamada Ruta Rosaliana.
A primeira destas paradas atópase en xeografía amesá. É a casa onde Rosalía de Castro pasou os primeiros anos da súa vida, situada na Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Trala casa a visita continuará por Bastavales, parroquia de Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizan un dos versos mais sonados da autora. O autobús porase entón en marcha cara o concello de Padrón, onde os excursionistas se apearán para facer unha visita a Iria Flavia e á Casa-Museo de Rosalía de Castro, a coñecida como “Casa da Matanza”. A concelleira explicou que a excursión empregaríase tamén para “aproveitar e conectar a obra de Rosalía cos distintos lugares que compoñen a visita, lendo tamén algúns dos seus textos e aprendendo máis sobre a súa obra e o seu pensamento”.
O prazo de inscrición para participar na excursión finaliza o día 25 de febreiro. Pódese reservar praza chamando aos teléfonos 981 535 940 ou ao 662 377 215. O prezo da excursión é de “1,5 euros, a entrada á Casa-Museo de Rosalía”.











