Ames mantén a programación da Festa de Entroido no Milladoiro pese ao mal tempo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames, a través da concellaría de Educación e Cultura, informa de que se mantén a programación da Festa de Entroido que está prevista para a tarde de hoxe no aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro. As consultas feitas en Meteogalicia indican que o tempo vaise manter estable con choivas intermitentes durante toda a tarde. No caso de que a choiva non permita realizar o desfile de disfraces substituirase por unha exhibición dentro da carpa que está montada no lugar da celebración. Ademais, ampliáronse as dimensións da carpa para dar cabida ás 550 persoas que está previsto que participen no concurso de disfraces.  

O aparcadoiro da Travesía do Porto, no Milladoiro, acollerá hoxe pola tarde a quinta edición da Festa de Entroido do Concello de Ames. A programación desta festa conta cun concurso e desfile de disfraces no que se pode participar nas seguintes categorías: infantil, adulto, por grupo ou en comparsa. Nas dúas primeiras poderase participar de forma individual ou en parellas.

O prazo de inscrición pechouse hoxe pola mañá, as 11:00 horas, con máis de 500 participantes inscritos. Na categoría infantil hai 10 rapaces e rapazas inscritos/as e na categoría de adultos inscribíronse 15 persoas. Ademais, participarán no concurso de disfraces 8 grupos e 12 comparsas, así como o alumnado da escola infantil municipal A Madalena. En total, prevese que haxa arredor de 550 participantes de diversos concellos e localidades de toda Galicia como Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Barro, Vigo, Moraña, Redondela, Dodro, A Capela, Ordes, Vimianzo, Portonovo, Pontevedra, Caldas de Reis, Negreira, Poio, Tomiño, Brión e Teo.

O concurso de disfraces comezará ás 18:00 horas e os concursantes desfilarán, acompañados da música dunha charanga, pola Travesía do Porto, e polas rúas de Pardiñeiros, Agro do Medio, Agro da Madalena, e dos Cereixos, volvendo a pasar pola Travesía do Porto antes de chegar ao punto de saída. O desfile realizarase sempre e cando non chova con intensidade. No caso contrario substituirase por unha exhibición dentro da carpa que está montada no lugar da celebración.

No caso de que se desenvolva o desfile de disfraces haberá cortes de tráfico entre as 18:00 e as 20:00 horas nestas rúas. Dende a Policía Local de Ames recomendan que as persoas que desexen acceder ao polígono industrial Novo Milladoiro circulen pola avenida do Muíño Vello.

Categorías e premios do concurso de disfraces

Ademais dos premios das categorías infantil, adultos, grupos e comparsas haberá un premio especial ao mellor disfrace creado con materiais de reciclaxe. Este ano como novidade creouse un novo premio. Os grupos e charangas poderán optar a un segundo premio especial, que xulgará á mellor copla de composición propia cantada en galego.

Os grupos ou comparsas terán, como máximo, cinco minutos para cantar a súa copla subidos ao escenario. As actuacións e os disfraces serán avaliados por tres persoas designadas polo departamento de Cultura e Educación cuxa decisión, inapelable, será dada a coñecer o mesmo día do concurso. Repartiranse 3.800 euros entre as categorías infantil, adulta, de grupos e de charangas, que se suman a outros 100 euros destinados ao mellor disfrace reciclado e 150 euros á mellor copla. 

8 de febreiro de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.