Ames acolle a primeira proba do circuíto de carreiras de montaña de Trail Galaica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportes
A-
A+

Un roteiro que comeza na Ponte Maceira e remata nas instalacións do Real Aero Club, na Ameixenda, será a primeira proba do circuíto de carreiras, que a organización Galaica Trail presentou aos e as amantes desta modalidade deportiva para o 2016. Dende o 1 de febreiro xa está aberto o prazo de inscrición para participar no circuíto amesán, organizado coa colaboración do Concello de Ames, a Federación de Atletismo e Dimenzone. Os deportistas sairán da liña de meta o 28 de febreiro, ás 10:30 horas.

A organización Trail Galaica nace recentemente da man dun grupo de atletas e xente estreitamente relacionada co mundo do deporte que, baixo o lema “será por monte”, buscan reivindicar a beleza das paisaxes naturais galegas a través dun deporte cada vez máis practicado: as carreiras de montaña.

A inscrición para competir nesta proba pódese realizar na propia páxina web da organización. Os e as atletas deberán ter 18 anos, cumpridos o día da proba, ou máis para participar. Pódese correr de forma indidivual ou en equipo, de modo que todos os compoñentes do grupo deberán indicalo á hora de facer a inscrición. As probas estarán federadas en atletismo e os participantes correrán baixo unha licenza de día que inclúe un seguro de accidentes deportivos e de seguridade civil. Os equipos deberán estar formados por un máximo de 6 compoñentes e un mínimo de 4. O custe da inscrición é de 14 euros. O prezo inclúe o servizo de autobuses que transportará aos inscritos e inscritas dende o Real Aero Club ata a liña de saída na Ponte Maceira e un servizo de fisioterapeuta.

Os atletas inscribiranse nunha das seguintes categorías: sénior, de 18 a 34 anos; veteranos 1, de 35 a 40 anos; veteranos 2, de 41 a 49 anos; veteranos 3, de 50 anos en adiante; veteranas 1, entre 35 e 45 anos; veteranas 2, de 46 anos en adianteM; e, por último, a categoría absoluta, que engloba a todos os e as participantes das anteriores categorías mencionadas. Serán premiados aqueles e aquelas tres primeiros corredores que crucen a liña de meta de cada unha das categorías e os tres primeiros da categoría absoluta.

O circuíto da proba, que terá lugar o día 28 de febreiro, pódese consultar tanto na páxina web de Trail Galaica como no portal Wikiloc. O percorrido total é de 19,1 quilómetros, ao longo dos cales habilitaranse dous puntos de avituallamento máis un terceiro que se situará no punto de meta. No primeiro, situado no alto do monte de San Marcos, ofreceseralle auga e froita aos corredores, no segundo tan só auga e no último outras bebidas e alimentos enerxéticos, como barriñas de cereais e froitos secos, aínda que todos os corredores deberán levar avituallamento ou mochila de hidratación, por precaución. Os deportistas terán á súa disposición un servizo de vestiario e duchas. Nun vídeo que se pode visitar na canle de Youtube de Galaica Trail pódense observar as paisaxes que percorrerán os e as inscritos na proba do día 28 de febreiro.

Sete circuítos distribuídos pola xeografía galega

Ames é a primeira proba do circuíto de carreiras que organizou Galaica Trail. Ademais, hai outros sete concellos seleccionados pola organización para completar o circuíto de carreiras de montaña que organizaron para este 2016. Tralo municipio amesán organizaranse seis máis en Sanxenxo, A Pobra do Caramiñal, Muros, Boborás, Noia e Sóber. A última proba realizarase o vindeiro 11 de setembro. Unha vez realizados todos os circuítos comezarase o reconto de puntos.

Tanto equipos como atletas individuais que participasen en máis de cinco roteiros nese momento poderán optar aos premios finais. Celebrarase unha gala nalgúns dos concellos anfitrións nas que se darán a coñecer os nomes dos e das gañadoras; aquelas persoas que sumasen máis puntos en relación á súa orde de chegada nas carreiras e aqueles equipos cuxos catro mellores corredores ou corredoras sumasen as mellores puntuacións dos participantes de todos os trails. Os equipos poden ser tanto masculinos, como femininos ou mixtos.

3 de febreiro de 2016 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.