Ábrese o prazo de inscrición para a V edición do Maratón Atlántica Coruña42

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento vén de abrir o prazo de inscrición para participar nunha nova edición da carreira Coruña42. A quinta edición do ‘Maratón Atlántica’, que se celebrará o vindeiro 17 de abril, forma parte do calendario estatal de da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e coincidirá coa celebración do Campionato de Galicia Absoluto de e Veteranos. A proba, que se desenvolverá no casco urbano coruñés, terá unha distancia de 42.195 metros e compartirá un tramo do seu percorrido cunha carreira popular de 10 quilómetros. Tanto o trazado do Maratón como o da proba de 10 km. están homologados pola RFEA.

No Maratón poderán inscribirse todas aquelas persoas maiores de 18 anos, e participarán segundo as seguintes categorías establecidas: Junior, Promesa, Senior e até sete modalidades de veteranos, en función do ano de nacemento. Todas as persoas que cheguen á meta recibiran o seu diploma e medalla acreditativa. Tamén haberá recoñecementos en metálico para as oito primeira persoas clasificadas tanto na categoría absoluta feminina e masculina, así como para as e os primeiros atletas estatais e galegos (tres premios) e da Coruña (un premio). A organización, ademais, premiará a todas aquelas que superen o récord da proba, sendo este de 2:12:21 na categoría absoluta masculina e 2:40:23 na feminina.

A inscrición para participar en Coruña42 poderá realizarse través da web da Federación Galega de Atletismo www.carreirasgalegas.com até as 23.59 horas do 12 de abril, e próximamente poderá formalizarse presencialmente nos espazos que se indicarán na web www.coruna.es/carreiraspopulares . As inscricións para o Campionato de Galicia, que será gratuíta para as e os atletas con licenza da FGA, deberán realizarse exclusivamente a través do sistema en liña da RFEA, na dirección https://isis.rfea.es/sirfea2 , tamén até as 23.59 do día 12 de abril. Estableceranse tres prazos de inscrición para as e os atletas populares. Até o 20 de marzo, ou até acadar as 1.500 persoas inscritas, o prezo será de 25€. O segundo prazo abrirase o 21 de marzo até o 10 de abril, e será de 35€. Finalmente, todas as persoas que se inscriban no prazo extraordinario, establecido os días 11 e 12 de abril, aboarán 50€ para poder participar nesta V edición do Maratón. Co obxectivo de facer máis accesible a participación en Coruña42, a concellería de Deporte anuncia que haberá bonificacións do 50% na cota de inscrición para persoas desempregadas, posuidoras do carné xove ou maiores de 65 anos, que deberán solicitar no momento de formalizar a inscrición. O prazo para enviar a documentación acreditativa rematará co peche do segundo prazo de inscrición, ás 24.00 horas do 10 de abril. No caso da carreira popular de 10 km, os prazos de inscrición serán os mesmos. No primeiro tramo, até o 20 de marzo ou acadar os 1.500 corredores, a cota será de 5€; no segundo, 10€ e, no prazo extraordinario, será 15€.

Nesta edición tamén haberá novidades a realización da cronometraxe. Como xa aconteceu no Medio Maratón Coruña21, non será necesario a compra nin o aluguer do chip, xa que se entregará no mesmo momento da recollida do dorsal, que será nos dous días previos (venres 15 e sábado 16) á realización da proba. Como vén sendo habitual neste tipo de carreiras, habilitarase un prazo excepcional para todas aquelas persoas que non poidan recoller o dorsal até o mesmo día do Maratón, e poderán facelo até unha hora antes da saída da proba no espazo que se indicará nos vindeiros días xunto á liña de saída.

17 de febreiro de 2016 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.