A XXXIII Semana Galega de Filosofía revisa conceptos da política e a súa independencia ante outros poderes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Segundo Mercedes Moreno, coordinadora xeral da XXXIII Semana Galega de Filosofía, “os acontecementos dos últimos anos, tanto no noso país, como en Europa, e incluso alén das fronteiras europeas, invitan a revisar os conceptos fundamentais da política dende unha perspectiva independente e multidisciplinar”. Estatarefa é a que abordará a nova edición de reflexión filosófica na que se revisarán “conceptos proceden do mundo antigo, de Grecia, que cumpriron xa hai tempo os dous mil anos: política, democracia, liberdade, cidadanía”. Tamén serán analizados outros coma “separación de poderes, representatividade, parlamentarismo, ou partidos políticos” que “procedentes do estado burgués pasan dos douscentos anos”.

Na actualidade a“falta de independencia dos estados fronte a outros poderes maiores”(políticos e económicos) xunto coa a escasa participación dos individuos nestas estruturas e decisións, orienta unha reflexión  sobre“que é a esquerda e cal é a súa situación actual no exercicio da democracia, o  poder e a soberanía”.

Unha semana de reflexión reunirá en Pontevedra a intelectuais de diversas disciplinas que  tratarán de dilucidar que queda “destes conceptos e institucións no mundo globalizado das grandes corporacións supranacionais e dos tratados transnacionais”,caso da proposta de libre comercio entre Estados Unidos e Europa(TTIP).

Con esta perspectiva ollaranse osespazos xeopolíticos que se abren trala caída do bloque soviético, poñendo ahexemonía mundial norteamericana en confrontación co bloque eurasiático.

Nesta liña global inscríbense os tres bloques habituais da programación da Semana Galega de Filosofía que presentan este ano:

– Alex Cendón,coordinador da programación da mañá,encargarase da REFLEXIÓN FILOSÓFICA SOBOR DA POLÍTICA na que “filósofos e filósofas especializados nos eidos ético e político co gallo de coñecer e partillar diversas investigacións de pertinente actualidade que fixan a súa atención en cuestións tais como a vulnerabilidade do ser humano, o debate modernidade-posmodernidade, os movementos sociais e o seu papel na política, a semántica dos conceptos ético-políticos e a crise da esquerda”.

– Henrique Egea, coordinador da programación das tardes adianta que o bloque A POLÍTICA VISTA DESDE GALICIA se concentra na descomposición socioeconómica e na corrupción xa que logo  “numa sociedade em que os politicos acostumam confundir o cargo com a profisão, a instituição com a sua empresa e os orçamentos com o financiamento, cumpre, com urgência, promover a formação de uma cidadania crítica e responsável”. O responsable das tardespresenta“cinco relator@s que deitarám refachos de luz sobre o escuro e desesperançador panorama da nossa nação, Galiza”.

– Ana Regueira. coordina na programación da noite. A POLÍTICA A DEBATE. Un debate en torno a catro eixos “en primeiro lugar o concepto de soberanía; en segundo lugar o que supón o TTIP e a repercusión que vai ter nos estados e para os cidadáns deses estados nos que se aprobe o acordo; en terceiro lugar que vai suceder con Europa e co mundo occidental no século XXI e que papel vai cumprir nel Eurasia e por último o papel dos medios de comunicación como xeradores de opinión” pola súa influencia na política.

A XXXIII Semana Galega de Filosofía está organizada pola Aula Castelao de Filosofía coa Universidade de Vigo, conta co patrocinio do Concello de Pontevedra e a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra – Casa das Campás, ademais da colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia, o Ilustre Colexio de Avogados dePontevedra e o Parador de Pontevedra.

26 de febreiro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.