A Xunta recibe o visto bo do Colexio de Arquitectos para trasladar a Cidade da Xustiza á torre do Hospital Xeral de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
López Chaves na reunión coa xunta directiva da delegación da COAG

López Chaves na reunión coa xunta directiva da delegación da COAG

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, reuniuse esta mañá coa xunta directiva da Delegación na cidade olívica do Colexio de Arquitectos de Galicia, quen lle deu o visto bo á iniciativa de trasladar a Cidade da Xustiza á torre do Hospital Xeral.

Na xuntanza, López-Chaves fixo un relatorio aos arquitectos do proceso de reunións e encontros, desde a primeira xuntanza da Xunta de Galicia con todo o colectivo da adxudicación ata o día de hoxe, despois de escoitar as opinións das administracións involucradas como o Concello de Vigo e a Tesourería da Seguridade Social, comerciantes e veciños. “Estamos moi satisfeitos do consenso e vontades favorables que está a recibir a Xunta de Galicia por atopar unha solución á Cidade da Xustiza e a ocupación da torre do Xeral”, afirmou o delegado.

Segundo indicou, despois de coñecer que a idea conta cun amplo consenso, era preciso contar coa opinión dos arquitectos. Neste senso, os membros do COAG ofreceron a súa total colaboración e disposición ao proxecto, o que consideran unha boa oportunidade por ser unha solución rápida para a Cidade da Xustiza.
O delegado da Xunta trasladou á xunta directiva a conveniencia de que, con carácter previo á convocatoria do concurso, podería ser conveniente asinar un convenio de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. As funcións do COAG consistirían en poñer á disposición da Xunta de Galicia a documentación técnica necesaria, crear a páxina web do concurso e aloxala na súa propia páxina web, así como tarefas de difusión, asesoramento e orientación aos profesionais e participar no xurado designando a un profesional para o efecto.

Sobre o destino dos actuais xulgados, Ignacio López Chaves dixo que “hai que analizar todas as posibilidades para definir ben o seus futuros usos. Temos moito tempo, todos terán que aportar as súas propostas e haberá que facer estudos sobre o que exporemos finalmente, para acertar coa finalidade”.

Desde que o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, trasladase aos xuíces e avogados as intencións da Xunta, só pasaron 9 días nos que se avanzou moito para atopar o consenso de todos nun proxecto de cidade.

22 de febreiro de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.