A Xunta presenta en Ourense as bases do borrador do novo decreto dos CIM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Susana López Abella e Marisol Díaz Mouteira na xuntanza

Susana López Abella e Marisol Díaz Mouteira na xuntanza

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mantiveron hoxe unha xuntanza coas directoras dos Centros de Información á Muller (CIM) existentes na provincia e cos respectivos responsables municipais para presentarlles as bases do borrador do novo decreto que regula o funcionamento destes centros, co fin de acadar o consenso da aprobación do decreto entre todas as partes involucradas.

López Abella informoulles polo miúdo do proxecto de decreto que establece os requisitos e os procedementos para o recoñecemento, modificación e extinción dos Centros de Información á Muller. Segundo explicou a secretaria xeral, no ano 2004 publicouse no DOG o decreto 182/2004, que regula os centros de información ás mulleres e establece os requisitos para o seu recoñecemento e funcionamento, polo que transcorridos máis de 10 anos de vixencia do dito decreto, precisa revisarse e actualizarse para dar cabida ás demandas e adaptarse á situación actual da sociedade, co obxecto de dar continuidade e mellorar o servizo que prestan os CIM.

Entre outras cousas, o borrador propón establecer como prioritaria a atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Ademais, regulase que entre as funcións que poderán desenvolver estos centros inclúense actividades de información e atención ao colectivo LGTBI (Lesbianas, Gais, Bisexuais, Transexuais e Intersexuais).

Na actualidade, na provincia de Ourense hai 14 CIM que se emprazan nos concellos de Avión, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo de Limia, Maceda, Muíños, Ourense, Pobra de Trives, Verín, Viana do Bolo, e nas mancomunidades de Terra de Celanova, do Ribeiro e de Santa Águeda; e benefician a un total de 42 concellos.

26 de febreiro de 2016 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.