A Xunta ofrece colaboración técnica para avanzar na regularización dos núcleos do litoral de Sanxenxo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSanxenxo
A-
A+
Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Sanxenxo. Foto: X. Crespo

Encarnación Rivas na reunión co alcalde de Sanxenxo. Foto: X. Crespo

A Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo iniciaron hoxe a colaboración técnica destinada a avanzar na regularización dos núcleos tradicionais do litoral deste concello pontevedrés. A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, e o alcalde da localidade, Gonzalo Pita, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo na que tamén participaron o subdirector xeral de Ordenación do Territorio, Alberto Castrillo, e o concelleiro de Urbanismo, Daniel Fernández.

Na reunión acordaron a posta á disposición do concello de Sanxenxo do apoio dos técnicos de urbanismo da Xunta de Galicia, co obxectivo de prestarlle ao municipio todo o asesoramento preciso para que, na reunión que solicitará á Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, poida acreditar co rigor necesario os fundamentos que deben permitir a regularización dos núcleos costeiros deste municipio.

A secretaria destacou a colaboración que se brinda desde o seu departamento aos concellos para aproveitar a oportunidade histórica que abre a reforma da Lei de Costas para o recoñecemento dunha singularidade da organización urbanística galega. A ese respecto, salientou a necesidade de que as administracións locais actúen coa dilixencia necesaria para resolver en prazo as incidencias que poidan xurdir na tramitación da regularización como poden ser os requirimentos de documentación extra.

Hai que ter en conta que Sanxenxo solicitou a aplicación da Disposición Transitoria 1ª para a regularización de 10 núcleos: Arnosa, A Revolta, Foxos, Fontenla, Major, Seame, Festiñazo, A Granxa, Cabicastro e Nanín.

A secretaria xeral recomendou ao alcalde que centrase a súas pretensións na xustificación da consolidación e servizos destes 10 núcleos, á vez que tramita unha Modificación Puntual do PXOM -aprobado definitivamente en febreiro de 2003- para incorporar as novas delimitacións destes 10 núcleos cun deslinde a 20 m.

O alcalde manifestou que axilizará a tramitación dos expedientes co fin de solicitar un novo encontro cos técnicos autonómicos para avaliar os avances, antes de dar traslado a través dunha reunión no Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente.

15 de febreiro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.