publicidade hoxe

A Xunta inviste 180.000 euros para a cualificación en atención á dependencia no obradoiro de Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoBergondoCarralMesía
A-
A+
Clausura do obradoiro en Abegondo. Foto: M. Fuentes

Clausura do obradoiro en Abegondo. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 180.000 euros no obradoiro de emprego que comparten os Concellos de Abegondo, Bergondo, Carral e Mesía para formar e dar unha oportunidade laboral a persoas desempregadas nas especialidades de atención sociosanitaria a persoas dependentes, tanto no domicilio como en residencias e centros de día.

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Abegondo na clausura e entrega de diplomas deste programa mixto de formación e emprego no que participaron 20 alumnos, dos que un 90 por cento foron mulleres. Precisamente, Marnotes destacou que o Goberno galego está a fomentar as oportunidades laborais das mulleres e, deste xeito, avanzou que a Administración autonómica activará, enmarcado na Axenda de Emprego, un Plan de emprego en Igualdade para mellorar as oportunidades laborais das mulleres.

Neste senso, Marnotes sinalou que, segundo os últimos datos da EPA, o número de mulleres ocupadas incrementouse no último ano en +13.400 persoas (2,82%). “Todo o incremento de ocupación é a xornada completa, o que resulta moi positivo de cara á acadar unha mellora na calidade do emprego”, indicou.

Así mesmo, indicou que a a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego para mellorar a cualificación das persoas sen emprego e crear emprego estable e de calidade.

Marnotes destacou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional. “Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou.

Outras das vantaxes dos obradoiros, segundo resaltou Marnotes, son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Neste obradoiro, en concreto, os 20 alumnos e alumnas prestaron un servizo de apoio aos servizos de axuda a domicilio municipais e nas residencias para maiores de Oleiros, de Aspace en Sada e de Boimorto.

“O importante é que os beneficiarios destes programas aprendan un oficio que lles garanta o acceso ao mundo laboral nunhas condicións de aprendizaxe previo e adecuado a cada oficio”, apuntou Marnotes, ao tempo que sinalou que os obxectivos destes programas son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

Por último, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral sinalou a importancia de adaptar a formación aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas para competir, crecer e xerar emprego. En definitiva, afirmou que cos obradoiros de emprego “gañan os traballadores porque teñen a oportunidade de formarse e incrementar a súa inserción laboral e os concellos e cidadáns porque melloran as infraestruturas e servizos dos concellos”.

25 de febreiro de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.