A Xunta investirá 100.000 euros na mellora de seguridade da estrada entre San Xurxo e Carballedo, en Cotobade
Ethel Vázquez destaca que a Xunta investirá preto de 100.000 euros na mellora de seguridade da estrada PO-232, entre San Xurxo e Carballedo, en Cotobade. O Goberno galego prevé realizar proximamente a licitación destas actuacións.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, para abordar as distintas actuacións que se están a impulsar para favorecer a accesibilidade e incrementar a seguridade viaria neste municipio.
Nesta reunión, a conselleira e o alcalde tamén trataron as melloras a executar na estrada PO-234, que une Cotobade e Ponte Caldelas, a través de Augasantas. Neste sentido, Vázquez explicou que é preciso definir e priorizar os treitos nos que é necesario actuar.
Por outra parte, o Executivo autonómico vén de rematar recentemente as obras de renovación da travesía de Carballedo, outro proxecto de interese para os veciños de Cotobade. O departamento que dirixe Ethel Vázquez realizou unha achega económica de case 83.000 euros nestes traballos que consistiron na execución de novas beirarrúas ao longo de preto de 800 metros da estrada.
A titular de Infraestruturas indicou que estas accións tamén serviron para mellorar o deseño de interseccións e construír pasos peonís ou accesos a garaxes.
A conselleira concretou que estas obras redundarán en maiores servizos e na mellora da calidade de vida dos 4.300 veciños de Cotobade.