A Xunta inicia o proceso de contratación das obras de mellora de seguridade en 5 travesías da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou que a Xunta inicia hoxe o proceso de contratación das obras de mellora da seguridade viaria en varias estradas da provincia da Coruña mediante a achega económica de máis dun millón de euros.

Ethel Vázquez presentoulle hoxe ao alcalde de Ames, José Miñones, o proxecto de mellora da travesía de Bertamiráns, unha das estradas obxecto destes arranxos proxectados. As accións levarase a cabo no treito urbano da estrada que une Bertamiráns e Negreira (AC-544), rehabilitando a capa de rodadura ao longo de 1,1 km que se verán complementados con actuacións de reposición da sinalización ou optimizacións na drenaxe aos que se destinarán preto de 148.000 euros.

Vázquez explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a contratación dun paquete de actuacións de reforzo do firme en case 5 km de travesías en Ames, Fisterra, Val do Dubra e Outes que se suman a outras melloras noutras tres estradas dos municipios de Cerceda e Ordes.

Un dos proxectos de mellora do firme executarase nas travesías de Fisterra e A Anchoa, na estrada que une Fisterra e Cee, ao longo de 2,2 km; outro levarase a cabo no Concello de Val do Dubra, na travesía de Portomouro (AC-455), ao longo de 0,6 km; e tamén no Concello de Outes, na travesía de Ponte Nafonso (AC-196), ao longo de 0,7 km.

Traballos no noiro da AG-56

Por outra parte, a titular de Infraestruturas explicou que en cuestión de poucas semanas comezaranse os traballos de reparación do desprendemento que ten restrinxido o tráfico no enlace de Bertamiráns norte da autovía Santiago – Noia. Precisou que se está a supervisar o proxecto construtivo achegado pola concesionaria, ao que se pediu algunhas melloras respecto da primeira versión.

Vázquez indicou que a solución técnica máis adecuada é a reconstrución do muro vexetal pero con melloras respecto do anterior (fundamentalmente na mellora da drenaxe) e que, dende o primeiro momento, a Xunta está a pedir á empresa a máxima celeridade na reparación.

A conselleira sinalou que a planificación é que as obras se inicien o antes posible para que a autovía estea plenamente operativa antes do verán, que é cando máis vehículos empregan esta vía.

17 de febreiro de 2016 | 16:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.