A Xunta expón aos concellos portugueses do Alto Minho o éxito do plan de transporte metropolitano

Ethel Vázquez na ruenión con representantes da Comunidade intermunicipal do Alto Miño
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada da directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, mantivo unha reunión con representantes da Comunidade intermunicipal do Alto Miño, para expoñerlles o éxito do funcionamento e as vantaxes do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia. Segundo manifestou, este sistema de transporte público permitiulles xa aos galegos aforrar 35 millóns de euros nos seus desprazamentos.
Pola súa banda, en representación da Comunidade do Alto Minho, o vicepresidente da Cámara Municipal de Arcos de Valdevez, Helder Barros, agradeceu ao Goberno galego a celebración desta xornada explicativa e manifestou o interese da agrupación de concellos de replicar este sistema de transporte metropolitano na súa comarca.
Ethel Vázquez subliñou que “desde que entrou en funcionamento o Plan de Transporte Metropolitano se puxeron en circulación máis de 335.000 tarxetas TMG e se expediron case 55 millóns de billetes, dos que 42 millóns foron aboados con esta tarxeta o que supón que 3 de cada 4 billetes emitidos nas áreas onde está implantado o transporte metropolitano tiveron bonificación”.
Durante a xuntanza explicou as vantaxes ambientais, económicas e, sobre todo, sociais que supón este plan, unha iniciativa que xa beneficia a 65 concellos e a 1,5 millóns de galegos, que dispoñen dun sistema tarifario moito máis sinxelo.
Así mesmo, remarcou que, “en total, xa son máis de 33,5 os millóns de euros investidos no plan de transporte metropolitano desde o ano 2011, deles máis de 27 M € , e dicir, o 80%, foron achegados pola Xunta”.
Ethel Vázquez sinalou que todos estes datos se traducen en prezos máis económicos, con descontos que se sitúan no entorno dos 600 euros anuais, ademais de melloras na accesibilidade e na mobilidade de miles de cidadáns,” ao garantirlles unha alternativa real á utilización do vehículo particular; e maior benestar para os galegos, xa que estamos a fomentar o uso do transporte colectivo, liberando de tráfico o centro das cidades, coa conseguinte redución de contaminación e a mellora da calidade do aire”.
A conselleira destacou tamén que os números demostran a efectividade desta medida e a boa acollida que está a ter por parte dos cidadáns e animan á Xunta a seguir traballando por estender as vantaxes deste sistema polo resto de Galicia.
Unha tarxeta única que lles permite aboar a súa viaxe en diferentes medios e compañías con grandes beneficios: aforros medios do 50% nos seus desprazamentos urbanos; transbordos gratuítos co transporte urbano; bonificacións adicionais para usuarios recorrentes e familias numerosas.
O Plan de Transporte Metropolitano botou a andar no ano 2011 nas áreas da Coruña, de Santiago e de Ferrol e no ano 2012 se estendeu a Lugo, mentres que desde o mes de abril do ano pasado tamén está operativo en 12 concellos da área metropolitana de Vigo.
Actualmente, a Xunta está a avanzar na tramitación para poñer en marcha este mesmo ano o Plan de Transporte Metropolitano en oito concellos da área de Ourense.
A conselleira de Infraestruturas manifestou tamén o seu desexo de que o transporte urbano do Concello de Vigo se integre neste sistema, co obxectivo de que os cidadáns desta cidade e da súa área metropolitana poidan beneficiarse plenamente das ventaxes Plan de Transporte Metropolitano.











