A Xunta condena a agresión homófoba de Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ao igual que a deputada do BNG Carme Adán, condenou este martes a agresión homófoba denunciada por unha parella en Santiago, ao tempo que apelou á tarefa de educar en valores, que debe ser compartida por todos”, e avanzou a presentación, en breve, dun protocolo no que se dará resposta “a todo o que ten que ver” coa liberdade na identidade de xénero.

En resposta a Adán, quen preguntou polas medidas no ámbito educativo impulsadas pola Xunta, Rodríguez arrancou a súa intervención “compartindo” con ela a condena ao suceso denunciado en Santiago, ao entender que é unha situación “absolutamente condenable dende o punto de vista xurídico e moral”.

Dito isto, apelou a poñer en valor o feito de que Galicia impulsara unha lei que fai promoción da igualdade de trato e a non discriminación por cuestións de identidade de xénero “con enorme consenso”, que ten unha concepción “integral” e que pretende abordar a cuestión dende as distintas perspectivas, tamén a educativa.

Non en van, aínda que remarcou que a formación en valores é unha tarefa de “todos” na sociedade, recoñeceu “o importante papel da educación” e esgrimiu que xa se adoptaron actuacións. Por exemplo, incidiu na “adaptación” por parte do Estado e da Xunta dos currículos para que o alumnado reciba “unha axeitada formación en valores”.

Esta aséntase, continuou, na “concienciación” e na “prevención” de conflitos “evitando” comportamentos e contidos sexistas. “Tamén apostando por favorecer a visibilidade e normalizar unha situación que temos que interpretar todos como bastante normal”, apostilou, antes de ratificar que a Xunta traballa nun protocolo no que se responderá ás cuestións relativas á liberdade en identidade de xénero.

SUBVENCIÓNS ANPA

Por outra banda, o parlamentario socialista Vicente Docasar preguntou ao vicepresidente, Alfonso Rueda, sobre as axudas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) para actividades extraescolares que favorezan a “conciliación” e este replicou que “se están a pedir”, aínda que recoñeceu que “os criterios “cambiaron” polo que “é lóxico” que ata que “non se aclaren” baixen o número de solicitudes.

Roda subliñou que é “obriga” da Xunta estar a disposición das ANPA por se se presenta algún tipo de problema e aceptou as cartas que lle entregou Docasar, se ben incidiu en que as novas esixencias que se incorporaron para estas axudas proveñen do Fondo Social Europeo, polo que “hai que cumprilas”.

Con todo, a relativa a coñecer os datos fiscais dos pais para poder outorgar unha axuda, sinalou que xa se abordou coas ANPA e que se pode encargar a Secretaría Xeral de Igualdade de tramitalo coa Axencia Tributaria logo de autorización.

“Creo que con iso se soluciona boa parte dos problemas”, reflexionou, para engadir que, outra cuestión é que as axudas non sexan compatibles con outras ou que haxa un límite económico para acceder a estas. Con todo, subliñou que o límite “son case 50.000 euros por unidade familiar, que soben a 55.000 no caso de familias monoparentais ou numerosas”. “Sempre os límites son discutibles, pero creo que este é bastante razoable”, resolveu.

10 de febreiro de 2016 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.