A Xunta celebrará un acto para conmemorar os dez anos de vida do Consorcio e o rexurdimento do Casco Vello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+
López-Chaves na rolda de prensa

López-Chaves na rolda de prensa

O delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do Consorcio do Casco Vello da cidade olívica, Ignacio López-Chaves, anunciou esta mañá que a Xunta celebrará o vindeiro mércores un acto para conmemorar os dez anos de vida do Consorcio e o rexurdimento do Casco Vello.

O acto, ao que asistirá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, busca recoñecer como parte fundamental na recuperación do barrio a delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia, pola súa achega na faceta arquitectónica e estética, e ao colectivo de emprendedores e comerciantes, por apostar e arriscar na creación dos seus negocios na zona.

Así o anunciaba López-Chaves en rolda de prensa trala reunión do Consello de Administración deste organismo, onde aproveitou para lembrar que foi no ano 2005 cando se creou o Consorcio, cunha achega inicial do Concello de Vigo, da Zona Franca e da Xunta de 30 millóns de euros.

Con respecto a isto, lembrou que foron dez anos nos que os investimentos medraron, permitindo a recuperación dun barrio degradado e esquecido, que está a rehabilitarse para converterse nun referente residencial no centro da cidade. Neste senso, precisou que en total foron 65 os inmobles recuperados, 100 as vivendas sorteadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galicia e 26 os locais comerciais, en aluguer con opción de compra, que mudaron a fisionomía do Casco Histórico.

Así mesmo, López-Chaves destacou que “cando as administracións traballan conxuntamente cun mesmo obxectivo, como foi a recuperación do barrio dende a orixe do Consorcio, os logros son evidentes. Permitindo que xente nova e, non tan nova nalgúns casos, aposten por fixar a súa residencia nun entorno diferente, que chama a atención e provoca moita demanda porque se están a facer ben as cousas”.

Como engadiu, dende a Xunta de Galicia e a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, seguirase a traballar para ofrecer espazos residenciais a toda a xente que demanda poder formar parte como residentes do Casco Vello de Vigo.

25 de febreiro de 2016 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.