A Xunta asina a declaración do barrio santiagués de Vite como nova área de rehabilitación integral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), asinou a declaración como nova Área de Rehabilitación Integral ao barrio de Vite en Santiago de Compostela, que, segundo a memoria presentada polo Concello, conta cun total de 1.263 vivendas. Esta mañá notificouse ao Concello a declaración da nova ARI.

O financiamento de obras de rehabilitación por parte dos propietarios das vivendas desta zona será fixado por unha comisión bilateral de seguimento, na que estarán representados o Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Santiago.

Santiago conta xa con outras tres áreas de rehabilitación, emprazadas no casco vello (declarada en 1998), onde se fixeron 805 actuacións, de máis de 14,69 millóns de euros; no Polígono de Vista Alegre (2006), executáronse 162 actuacións por máis de 3,1 millóns de euros; e nos Grupos de vivendas “Compostela e Cardeal Quiroga Palacios” do Barrio de Pontepedriña (2008), con 48 actuacións por máis de 0,33 millóns de euros. O que supón máis de 1.000 actuacións de rehabilitación, con axudas da Xunta e o Ministerio de Fomento por importe de máis de 18 millóns de euros.

Neste momento, están en execucións os convenios asinados no mes de marzo do pasado ano, nos que se incorporaban ao Plan Estatal de fomento do aluguer de vivendas, á rehabilitación edificatoria e á rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, as actuacións que ata entón non foran financiadas nas áreas de rehabilitación por non estar rematadas.

No caso de Santiago de Compostela, o convenio de marzo permite realizar 21 actuacións na ARI do Casco Vello con axudas por importe de máis de 0,2 millóns de euros.

Por outra parte, en outubro de 2015, asináronse novos convenios de Áreas de Rehabilitación. Así, no caso da capital de Galicia outorgáronse subvencións por importe de 900.000 euros, para a execución de 150 actuacións.

23 de febreiro de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.