publicidade hoxe

A Xunta aproba definitivamente o PXOM do Concello da Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Rúa
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, comunicou esta maña que a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello da Rúa aporta a seguridade xurídica que o municipio precisa para o seu desenvolvemento e protección das áreas de valor natural.

Así llo trasladou esta mañá á alcaldesa María González, coa que mantivo unha reunión de traballo na que lle comunicou que a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, deu a súa conformidade á Orde que aproba este documento que porá fin, despois de 25 anos de vixencia, ás normas subsidiarias de planeamento aprobadas definitivamente en 1991.

A secretaria xeral explicou que este plan xeral tratará de equilibrar o modelo de asentamento poboacional norte-sur do municipio marcado por un orografía que condiciona que o 90% dos preto de 4.700 habitantes da Rúa se concentren no núcleo urbano, situado ao sur, na ribeira do Sil próxima ao encoro de San Martiño. A poboación restante habita nos catro núcleos rurais situados no entorno da montaña, caracterizados por un despoboamento paulatino.

Para contrarrestar esta situación o PXOM propón estimular o crecemento de dous dos núcleos rurais máis próximos ao solo urbano: Somoza e Vilela-O Barrio. Nos outros dous restantes, Roblido e San Xulián, prevese un Plan Especial de Protección para mellorar a súa conservación.

No núcleo urbano contémplase ordenar a densificación e a finalización interior a través de diferentes ordenanzas para solucionar as mazás inacabadas, medianeiras vistas etc. Ademais da posta en valor dos cascos antigos de Fontei e Rúa Vella, que son a orixe do municipio, co fin de poñer o acento na súa riqueza tradicional.

Rivas Díaz incidiu que o PXOM continuará coa ampliación das dotacións públicas, dando continuidade á área de espallamento e lecer en Aguillón, xunto á ribeira do Sil, cuxo novo tramo supera en superficie ao xa en funcionamento. Ademais, potenciará as áreas de maior valor natural sitas nas ribeiregas do Río Sil, en especial o embalse de San Martiño, que recibe a clasificación de solo rústico de protección de espazos naturais.

Tamén destacou que, aproveitando a ubicación estratéxica da Rúa, na porta da meseta, o PXOM reforzará a súa posición como eixo empresarial a través da ampliación do polígono industrial das Pedreiras.

En definitiva, defendeu que un urbanismo responsable é fundamental para calquera concello, posto que condiciona os recursos locais, o modelo de crecemento, a política de vivenda, a mobilidade e, en definitiva, a vida dos veciños e veciñas; e engadiu que neste caso concreto, contribuirá a mellorar a calidade de vida dos 4.700 veciños e veciñas da Rúa.

Rivas díaz tamén salientou a colaboración da Xunta co concello, que se materializou en seis reunións técnicas que se celebraron entre os responsables da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e o goberno municipal, xunto co equipo redactor do Plan xeral; e coa achega económica de 123.000 €.

Ningún concello sen planeamento

Coa aprobación deste PXOM, en Galicia hai na actualidade un total de 84 concellos con Plan Xeral aprobado, sendo o da Rúa o segundo deste ano. A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo destacou que a situación actual do planeamento é o mellor reflexo do impulso dado a esta materia polo actual Goberno, xa que en 2009 eran 33 os concellos con PXOM, o que supón un incremento dun 160% no número de planeamentos. Destacou que, só na comarca de Valdeorras, catro dos nove concellos que a conforman contan con PXOM actualizado.

Un dos retos do Goberno galego é acadar que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes obxectivos ao que vai dar resposta a nova Lei do solo.

A lei aporta os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.

Por último, para dotar aos concellos de planeamento investiranse en 2016 máis de 3,1 millóns de euros en axudas, o que se traduce nun incremento dun 22,6% respecto do ano pasado e dun 82%, se se compara co ano 2014.

26 de febreiro de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.