A Xunta apoia ao Museo de Arte Contemporáneo de Vigo no impulso á promoción da artesanía galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Fundación Centro Galego de Artesanía e do Deseño, está a colaborar na exposición Kanala do artista June Crespo, que hoxe se inaugurou en Vigo e que se pode visitar ata o 17 de abril no MARCO – Museo de Arte Contemporáneo.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, visitaron hoxe esta mostra. Kanala é a derradeira exposición do ciclo Intertextual, comisariado por Ángel Calvo e inaugurado hai un ano para a nova sala de proxectos no vestíbulo principal.

Para a creación da exposición, o artista June Crespo contou coa colaboración de Tomás López, artesán oleiro de Gundivós, que modelou no seu torno unha serie de pezas de barro. A elaboración e a súa posterior intervención sobre cada unha delas teñen na condución o seu móbil. O resultado final combina o primario co sofisticado, a mecánica dos movementos empregados na produción artesán coa mecanización do proceso a gran escala.

Non é a primeira vez que o MARCO de Vigo acolle unha colaboración da artesanía galega con sectores como o do deseño e a arte. No ano 2013 a ceramista Susana González, do obradoiro coruñés Terralume, apoiada pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, colaborou coa artista Patricia Esquivias elaborando un gran mural cerámico que recibía aos visitantes á entrada da exposición.

A participación de Artesanía de Galicia neste tipo de proxectos de colaboración intersectorial enmárcase no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa que se busca acadar un sector artesán sólido e sostible no tempo, e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

5 de febreiro de 2016 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.