A Xunta adxudica dúas vivendas a familias con dificultades de Lugo
A Xunta vén de adxudicar dúas vivendas a familias con dificultades en Lugo. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, vén de asinar a adxudicación directa destes inmobles.
As dúas vivendas, adxudicadas en réxime de alugueiro, correspóndense con casos de vítimas de violencia de xénero.
O Goberno galego avanza deste xeito no cumprimento do Plan rehaVita, que reforza as medidas destinadas a garantir un fogar as familias máis desfavorecidas. Así, estas solucións non só se dirixen a aquelas persoas que non poden afrontar o pago do alugueiro ou hipoteca da súa vivenda, senón que tamén se ofrece colaboración a casos como as vítimas de violencia de xénero ou outros problemas de índole social.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra que está a dar resposta a todas as familias que solicitan axuda. Neste sentido, no último ano multiplicáronse os esforzos para achegar solucións ás persoas en situación de risco, mediante novos programas de axuda como o Bono de Alugueiro social ou os convenios con entidades financeiras, entre elas a maior de Galicia, que se comprometeron a non executar desaloxos, e cederon 240 vivendas baleiras para aloxar a familias necesitadas.











