A Xunta achega a realidade virtual e aumentada aos emprendedores no CIS Galicia
A Consellería de Economía, Emprego e Industria fai extensiva á comunidade emprendedora galega a súa oferta de servizos de demostración e apoio para a incorporación da realidade virtual e aumentada ás súas ideas de negocio, co obxectivo de facelas máis competitivas no mercado global. No marco do programa de sesións abertas do CIS Galicia, os promotores de dez dos proxectos empresariais que se desenvolven no marco do programa Galicia Open Future, impulsado por Telefónica e a Xunta, e desprazáronse a Ferrol para coñecer de cerca as oportunidades que estas tecnoloxías avanzadas lles ofrecen.
O director da Axencia Galega de Innovación (Gain), Manuel Varela, recibiu os representantes de varios dos proxectos empresariais que están a madurar na segunda edición do programa de apoio ao emprendemento innovador.
“A incorporación das tecnoloxías avanzadas correctas poden supoñer unha diferenza vital para unha empresa que nace no mercado actual”, asegurou Varela, que animou aos emprendedores a explorar as posibilidades que os servizos do CIS Galicia lles abren para acceder ás vantaxes competitivas da industria 4.0. “Estamos comprometidos en acompañar as empresas galegas na mellora da súa competitividade, a través dun esforzo continuado para poñer á súa disposición recursos de alto valor engadido aos que en moitos casos terían difícil acceso de xeito particular”, engadiu.
O CIS Galicia veuse dotando nos últimos meses dos equipamentos e dos profesionais necesarios para centrar a súa actividade en apoiar o tecido empresarial galego, en especial as pemes, na súa integración na industria 4.0. Tal e como sinalou o director da Gain, estes servizos de apoio son especialmente importantes para a comunidade emprendedora pola dificultade engadida que ten para unha empresa incipiente o acceso a equipamento punteiro.
A sesión de hoxe forma parte dun programa demostrativo dirixido ao tecido empresarial galego para difundir as aplicacións da realidade virtual e aumentada nun amplo abano de sectores estratéxicos para a economía galega, como o naval, a automoción, a saúde, o turismo e as industrias culturais, entre outros.
Os emprendedores experimentaron de primeira man os equipamentos, como a cova de realidade virtual; coñeceron varios casos reais de aplicación destas tecnoloxías en Galicia; e participaron en experiencias prácticas deseñadas especificamente para eles, como o uso da realidade virtual para experimentar e redeseñar un prototipo, o deseño en equipo e a presentación de produtos virtuais a potenciais investidores ou clientes.
O director da Gain enmarcou esta iniciativa nas políticas coordinadas de impulso da industria 4.0 que está a levar a cabo a Xunta para garantir a competitividade do tecido empresarial galego no mercado global. A Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Axenda de Competitividade Galicia-Industria 4.0 e o Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 conforman o escenario conxunto no que se está a activar o completo abano de medidas destinadas a ofrecer oportunidades a toda a comunidade innovadora galega, incluíndo aos emprendedores e emprendedoras.











