A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago homenaxea a 116 traballadores xubilados no pasado ano

Jesús Vázquez no acto de homenaxe. Foto: C. Paz
A Xerencia de Xestión Integrada de Santiago homenaxeou hoxe aos 116 traballadores que se xubilaron o ano pasado nalgún centro da área compostelá. Deles, 64 son persoal de enfermería; 26 facultativos e 26 persoal non sanitario.
A homenaxe que xuntou ao persoal xubilado no 2015 con familiares, amigos e profesionais dos hospitais e dos distintos centros de saúde da área celebrouse esta mañá no salón de Actos 1 do Hospital Clínico e estivo presidido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, acompañado polo xerente da Xestión Integrada de Santiago, Luís Verde, e polo decano da facultade de Medicina, Juan Gestal.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, agradeceulle a todos o traballo a prol da sanidade e da saúde dos pacientes. Destacou a importancia deste evento pois é o “resumo dunha vida chea de aportacións ao noso sistema sanitario, tan ben valorado”. Tamén recordou aos que “nos deixaron e non pudieron chegar a celebrar este momento”. A súa intervención rematou cos parabéns aos que se xubilaron e cos agradecementos por ter contribuído a mellorar a saúde dos cidadáns.
Pola súa parte, o xerente da XXIS, Luís Verde, tamén quixo “ agradecer e recoñecer o labor que ao longo de moitos anos tendes realizado para mellorar a saúde e calidade de vida dos pacientes”. Tamén destacou que “o coñecemento e a grandeza das organizacións reside nas persoas que a conforman e nas que contribuíron a conformalas”.
Juan Gestal, decano da facultade de Medicina aproveitou a súa intervención para darlles o “recoñecemento institucional por todo o que tendes feito pola formación e desevolvemento profesional”.
En nome do persoal xubilado falou Mª Carmen Touriño, ex traballadora do departamento de recursos humanos da XXIS que recordou os seus comezos cando “facíamos todo con calculadora de máquina de escribir e a nómina se pagaba en man por un empregado dun banco que acudía puntualmente”. Mª Carmen quixo destacar a importancia que teñen todos os profesionais da xerencia “ ninguén é imprescindible pero sí todos necesarios”.
Ángel Carracedo convidou aos asistentes a “seguir formándovos e informándovos do que está a pasar no eido da sanidade, onde a medicina personalizada está gañando tanto peso”. Tamén desexou “unha longa e feliz vida, que vivades moitos anos e ben”.











