publicidade hoxe

A xerencia de infraestruturas de defensa estudará un novo convenio para construir o novo cuartel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Xerencia de Infraestruturas e Equipamento da Seguridade (GIESE), un dos principais xestores do patrimonio inmobiliario do Estado, confirmou hoxe ao alcalde, Alberto Varela, que a demandada construción dun novo cuartel da Garda Civil na cidade pasa polo establecemento dun novo convenio que facilite a liberación do actual solar e, ao tempo, permita financiar a construción do novo edificio, nos terreos de Fontecarmoa que xa cedeu no seu día o Concello.

Segundo se lle informou ao alcalde na reunión de hoxe en Madrid, a Xerencia consultou coa dirección xeral da Garda Civil sobre as súas perspectivas respecto do novo cartel: admitindo que o estado de conservación do actual cuartel non é boa, advirte que carece de financiación propia para levar a cabo o traslado. Deste xeito, a única solución viable é a través da Xerencia e esta traballa a través de convenios urbanísticos ou venda directa de inmobles que favorezan o financiamento doutros.

Así as cousas, Xerencia e Concello comprometéronse a estudar a viabilidade dun novo convenio. O alcalde reitera que seguirá loitando porque Vilagarcía conte cun novo cuartel da Garda Civil e para iso dará todas as facilidades que estean na súa man, pero lembra que os primeiros interesados en que os axentes da Garda Civil presten os seus servizos nas mellores condicións posibles son a dirección xeral e o ministerio.

Neste ano cúmprense once desde o que o ministerio anunciou a construción da nova casa cuartel e seis dende que a dirección xeral conta coa licencia urbanística outorgada polo Concello, previa recualificación do solar, tamén aprobado polo pleno, e a permuta co edificio da antiga comisaría da rúa Castelao, o que supuxo un desembolso a máis polo concello de 171.000 euros. O investimento anunciado entón na casa cuartel polo Goberno central roldaba os 5 millóns de euros.

17 de febreiro de 2016 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.