A xefa provincial de Tráfico entrégalle á Policía Local de Ames 50 kits para reforzar os controis de drogas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Entrega do material

Entrega do material

Esta mañá a xefa provincial de Tráfico, Victoria Gómez Dobarro, achegouse ata a Casa do Concello para facer entrega dos 50 kits que lle corresponden á Policía Local de Ames, para reforzar a realización de controis de drogas entre os condutores amesáns. No acto de entrega deste material estiveron presentes o alcalde de Ames, José Miñones, e o inspector da Policía Local, José Antonio Rodríguez. Este reforzo de equipos enmárcase dentro do plan anunciado polo Ministerio de Interior para redobrar este ano os controis para a detección de sustancias psicoactivas entre os condutores en vías urbanas. 

Esta actuación está relacionada cos resultados obtidos a través dos controis preventivos feitos no 2015. O ano pasado o 33% dos condutores que foron sometidos a algún tipo de control preventivo por parte da Dirección Xeral de Tráfico deron positivo nas probas de detección de consumo de drogas ilegais. A porcentaxe aumenta ata o 59% no caso dos condutores avaliados tras cometer algunha infracción. Estas persoas deron positivo nas probas de detección de consumo de drogas ilegais sendo o cannabis e a cocaína as sustancias máis frecuentes. O obxectivo da campaña é retirar da estrada a todos os infractores.

Tendo en conta todos estes datos e co obxectivo de retirar da circulación aos condutores que se poñen ao volante tras consumir estupefacientes, a Dirección Xeral de Tráfico propúxose este ano reforzar os controis de drogas. Para iso realizou unha consulta aos concellos da provincia sobre se realizaban probas de detección de drogas e cal era a súa experiencia nesta actuación de seguridade viaria co obxectivo de que a DXT fornecese parte do material necesario para a realización das probas no marco da intervención en zona urbana sobre o consumo de drogas e fortalecer así a seguridade viaria.

Do resultado das consultas realizadas na provincia da Coruña seleccionáronse cinco concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Ames e Arteixo, aos que a DXT lle está cedendo os kits indiciarios solicitados previamente pola Xefatura provincial de tráfico en función do persoal, actividade, etc da Policía local de cada concello. Deste xeito, ao Concello de Ames correspóndenlle 50 kits.

Convenio coa Xefatura Central de Tráfico

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “con esta actuación preténdese reducir o número de infraccións nas estradas cometidas por persoas que están baixos os efectos de sustancias psicoactivas”. Ademais, Miñones aclarou que “para o reparto deste material tívose en conta o número de axentes da Policía Local de Ames e do número de campañas nas que participan durante o ano. Ames é un concello seguro e estamos traballando, a través deste tipo de campañas, para reducir a siniestralidade nas estradas amesás”.  

O Concello de Ames ten asinado un convenio coa Xefatura Central de Tráfico a través dos cales a Policía Local participa nas diferentes campañas postas en marcha por esta entidade e a cambio cédenlle material ao corpo de seguridade amesán para poder levalas a cabo. Deste xeito, grazas a este acordo Ames ten a súa disposición un vehículo equipado de radar e etilómetro.

O Ministerio do Interior, a través da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), ten previsto realizar durante este ano máis de 120.000 probas de detección de sustancias psicoactivas entre condutores en vías interurbanas de toda España, excepto no País Vasco e Cataluña, co obxectivo de sacar da circulación aos condutores que se poñen ao volante tras consumir algunha droga. Isto supón un 38% máis ás realizadas en 2015. Este incremento de máis de 45.000 probas respecto das realizadas en 2015 está en consonancia co Plan Estratéxico de Seguridade Viaria 2010-2020. Para levar a cabo todas estas probas relacionadas con drogas, a DXT conta cun orzamento de 12 millóns de euros.

10 de febreiro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.