A visión dende dentro dun frautista da Real Filharmonía de Galicia plasma nunha mostra fotográfica os seus 20 anos

Inauguración da mostra fotográfica
A Real Filharmonía de Galicia cumpre 20 anos e para celebralo organizou unha exposición na que o fotógrafo Xaime Cortizo, pero tamén o frautista Luis Soto, retratan o traballo diario da orquestra, este último cunha visión “dende dentro”.
Segundo confesou o propio Soto na inauguración da mostra, el só era “un que pasaba por alí”, ao que dende hai 15 anos lle gusta dedicarse á fotografía “como afección” e que reuniu, cos anos, máis de 25.000 instantáneas dos seus compañeiros, e “practicamente todos os programas”.
As imaxes están expostas en dúas partes: a primeira na Casa do Cabido e a segunda no Auditorio de Galicia, sede da Real Filharmonía e escenario do concerto que Helmuth Rilling dirixirá este mesmo luns para conmemorar o 20 aniversario.
No acto, a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández Lafuente, reivindicou o labor dos músicos, e valorou tamén o traballo dos representantes políticos de todos os partidos -presentes na Casa do Cabido- por que chegue o financiamento” á orquestra.
“PROXECTO DE CIDADE”
As palabras de agradecemento tamén do comisario da mostra, Juan Conde, precederon ás do propio Soto, e finalmente tomou a palabra o alcalde compostelano, Martiño Noriega, quen recordou igualmente “os que xa non están”, por dous integrantes da orquestra que faleceron, e lanzou unha mensaxe de reivindicación “da brigada internacional de música de calidade”.
Por iso, o rexedor chamou a “gañar o futuro” e “seguir gozando”, polo menos durante “outros 20 anos máis, de saber facer da Real Filharmonía de Galicia, e animou aos veciños a coñecer “este proxecto de cidade”.











