publicidade hoxe

A temporada teatral iníciase este venres coa obra “Presidente” na Casa da Cultura de Bertamiráns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesCalendario
A-
A+

Este venres, 19 de febreiro, a representación “Presidente” abrirá, da man da compañía Teatro do Morcego, a programación teatral da primeira metade do ano en Ames. O escenario será a Casa da Cultura de Bertamiráns e as portas abriranse a partir das 21:00 horas.

Dirixida por José Prieto, gañador en 2005 e en 2011 do premio María Casares nas categorías “Mellor texto orixinal” e “Mellor música orixinal” respectivamente, a obra conta no seu elenco coa participación de Celso Parada, Mercedes Castro, César Goldi, Iolanda Muíños e de Federico Pérez. A obra, unha comedia satírica acerca da manipulación política, narra as preocupacións dun mandatario de Estado mergullado en plena campaña electoral. Todas as enquisas condénano á derrota e el, con medo a perder o poder do cargo que ostenta, decide tomar unha decisión drástica para mudar as tornas.

O presidente comeza así un tour polos fogares de distintas familais que recibirán a súa inesperada visita, todas elas moi distintas entre si: unha familia humilde cuxos membros se atopan no paro, unha familia conservadora preocupada polo que eles e elas consideran a perda de valores tradicionais do país e unha familia monoparental e antisistema. Coa palabra e convencido do poder da súa oratoria o presidente esforzarase en convencelos de que o voten nas urnas.

As entradas para esta obra están dispoñibles na Billeteira electrónica, á cal se pode acceder premendo nos banners da páxina principal da web municipal. Tamén se poderán adquirir o mesmo día da representación na billeteira da Casa da Cultura de Bertamiráns. O prezo xeral da entrada é de 5 euros.

17 de febreiro de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.