A Sociedade Ximnástica logra a súa enésima vitoria no galego de Cros curto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Friol acolleu a primeira xornada do Campionato de Galicia de Cros, dalgunhas das categorías e especialidades que o compoñen. Tras non lograr subir ao podio na pasado edición o equipo masculino da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, volveu imporse no Campionato Galego de Cros Curto, na que é a súa undécima vitoria, das quince edicións celebradas.

Ademais os catro atletas pontevedreses que puntuaron entraron en meta entre os dez primeiros do Campionato de Clubs; Antonio Serrat foi terceiro, Iván Docampo acabou quinto, Rubén Diz terminou sétimo e Akka Essaadaoui rematou a faena en undécimo lugar, conseguindo o décimo posto no Campionato de Clubs, xa que o décimo clasificado non computaba.

En canto ás mozas volveron subir ao podio cunha magnífica terceira posición, con Joselyn Brea capitaneando o equipo cunha estupenda terceira posición, Rocío Martínez entrou en oitavo lugar, María Ortega foi décimo terceira e Paula Santos décimo sétima.

Tamén se celebraron os Campionatos das categorías Cadete e Xuvenil do campo a través; os atletas da Ximnástica, aínda que non conseguiron subir ao podio estiveron dentro do previsto, Adela Ardao foi a mellor cunha décimo cuarta posición na carreira cadete feminino; conseguindo o sexto posto no Campionato de Clubs; mentres que os mozos cadetes acabaron en 9 posición da clasificación por equipos.

Na categoría xuvenil homes Fernando Rial foi o mellor cun quinto posto; rozando o podio co equipo ao conseguir a cuarta posición do Campionato de Clubs.

Darío Costas achégase á internacionalidade 

O 20 de febreiro, na recentemente inaugurada pista cuberta de atletismo en Salamanca, celébrase un encontro internacional de probas combinadas entre España, Francia e Reino Unido; nestes días o seleccionador nacional dará a lista do equipo junior que vista a camiseta do país e entre eles pode estar o atleta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, Darío Costas.

O pupilo de Santi Ferrer que xa tiña posibilidades de acudir polo seu título de Campión de España Júnior da especialidade, o pasado verán, puxo estes días en Valencia outro motivo de peso para ser convocado.

Conxuntamente coa Copa do Rei, celebrouse o campionato valenciano júnior de probas combinadas, Darío Costas foi autorizado a competir pola federación valenciana, realizando unha soberbia demostración na combinada do Heptatlon. Os seus parciais foron de 7.06 nos 60 metros; 6,44 metros no salto de lonxitude; 12,12 metros en lanzamento de peso; 1,92 metros no salto de altura; 8.56 nos 60 metros valas; 3,80 metros no salto con pértega e 2.49.54 nos 1.000 metros; para totalizar 5.068 puntos, converténdose no segundo galego de sempre que excede os 5.000 puntos.

Toca esperar a convocatoria.

2 de febreiro de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.