A Secretaría Xeral para o Deporte e as federacións deportivas asinan os convenios de colaboración para o 2016
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comezou hoxe a sinatura dos convenios anuais de colaboración entre a Xunta de Galicia e as federacións deportivas galegas nun acto celebrado na Casa das Federacións en Vigo, e que continuará mañá na cidade da Coruña.
Os convenios de colaboración refiren as axudas que a secretaría xeral para o Deporte destina ás federacións deportivas de Galicia para o desenvolvemento da súa actividade deportiva ordinaria, para a celebración das competicións oficiais e da actividade en idade escolar, para a actividade de tecnificación e de rendemento, así como para outros gastos e programas federativos. Neste ano 2016, destínanse polo departamento autonómico de Deportes a estes conceptos 3.425.474 euros -50.000 euros mais que no anterior 2015-, distribuídos en atención a 30 criterios obxectivos tales como os resultados federativos da tempada anterior, a programación de actividades ou o programa Río 2016 que, neste ano olímpico, cobra especial relevancia, dotándose con 106.979 euros e afectando, no día de hoxe, a 65 deportistas galegos olímpicos e paralímpicos.
Entre outras cuestións destacables, neste ano 2016 todas as federacións deportivas terán a obrigatoriedade de cumprir o establecido na recentemente publicada no diario oficial de Galicia Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, polo que non se realizará ningún pago en caso de incumprir esta obriga.
Lete Lasa puxo de relevo “o papel esencial das federacións autonómicas para a extensión da práctica deportiva no territorio” e, no caso da comunidade galega, valorou “o traballo federativo constante e continuado para levar o deporte galego á altura dos mellores, ao tempo que se colabora na construción dunha Galicia máis activa e competitiva”.











