A sala César Antonio Molina da Biblioteca da Deputación da Coruña xa conta con máis de 40.000 volumes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao xornalista e escritor coruñés César Antonio Molina.

Durante a visita, o exministro de Cultura afirmou que xa son máis de 40.000 os libros e documentos cedidos por él e a súa muller, a tamén escritora e crítica literaria Mercedes Monmany, á sala bibliográfica e documental da Biblioteca Provincial que leva o seu nome, e que sigue medrando ano a ano con sucesivas doazóns.

Molina agradeceu o traballo de conservación e catalogación da biblioteca da Deputación da Coruña, que cada ano é visitada por centos de lectores e investigadores, xa que na mesma, ademáis dos volumes bibliográficos que inclúen unha selecta colección de libros de arte, edicións do Quixote en idiomas de todo o mundo, manuscritos e primeiras edicións de importante valor histórico e libros dedicados por persoeiros destacados do mundo das letras como Isabel Allende, Mario Benedetti, Gonzalo Torrente Ballester ou Miguel Delibes; atópase parte do arquivo persoal do escritor coruñés e de Mercedes Monmany e a súa correspondencia con destacados autores do panorama literario internacional.

Este amplo arquivo, catalogado e informatizado para que sexa accesible a calquer investigador tanto dende a propia Biblioteca Provincial como dende a web da Deputación, inclúe tamén documentos relacionados cos múltiples premios que lle foron concedidos, nomeamentos e outros textos relativos á diltada traxectoria profesional de César Antonio Molina como director de institucións culturais como o Instituto Cervantes ou o Círculo de Bellas Artes de Madrid.

González Formoso afirmou que a Deputación “seguirá traballando na clasificación e coidado deste importante legado cultural que está hoxe a disposición de todos os coruñeses grazas á xenerosidade de Molina”.

1 de febreiro de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.