A recollida de lixo porta a porta e sen contedores na rúa como modelo para Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os concellos de Pontevedra poderían esquecer a recollida de lixo en contedores na rúa. A recollida de residuos porta a porta, como se facía antigamente pero de xeito diferenciado por fraccións (orgánicos, plásticos, papeis, vidro…), é un modelo que os municipios da provincia poderían utilizar como referente. Un dos máximos expoñentes deste sistema é o concello vasco de Usurbil, que en 2008, e antes de que comezase a recolleita porta a porta, recollía de maneira selectiva só o 28,43 % dos seus residuos. A partir do 16 de marzo de 2009 este municipio de pouco máis de 6.000 habitantes baseouse na recollida selectiva porta a porta para xestionar os seus residuos e, a finais dese mesmo ano, a taxa de reciclaxe ascendeu ao 82,33 %. Na actualidade, coa inclusión dos polígonos industriais e o centro comercial, a taxa de recollida selectiva lograda mediante a xestión porta a porta superou marcas anteriores, chegando a un 88,60 %.

Ibon Goikoetxea, técnico ambiental do Concello de Usurbil, estará esta tarde traballando cos alumnos da “Facultade da compostaxe” para explicar o modelo de recollida porta a porta e o sistema de compostaxe comunitaria no seu municipio. O técnico vasco é xa coñecido polos representantes dos concellos da provincia de Pontevedra que estiveron na viaxe a Navarra organizada pola Deputación de Pontevedra e supuxo un exemplo que todos os rexedores e concelleiros galegos manifestaron querer seguir.

23 de febreiro de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.