A provincia de Lugo beneficiarase de 5,4 millóns de euros do plan marco de mellora de camiños municipais
A provincia de Lugo beneficiarase de preto de 5,4 millóns de euros do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a explotacións agrarias para este 2016. Así o destacou esta mañá en Lugo a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación deste plan aos concellos da provincia, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e pola delegada territorial, Raquel Arias.
Ángeles Vázquez explicoulle aos presentes a finalidade destas achegas, que pasa por mellorar as condicións de vida dos residentes nas áreas rurais a través das infraestruturas básicas municipais. Así, engadiu, o Plan Marco permitiralle ás administracións locais poder ampliar, mellorar ou manter os camiños de titularidade municipal que faciliten o acceso, cando menos, a unha parcela integrante dunha explotación agraria.
A conselleira sinalou que o orzamento previsto para cada un dos concellos foi en base a uns criterios consensuados entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), estando cofinanciado nun 75% por fondos Feader no marco do PDR de Galicia 2014-2020.











