publicidade hoxe

A presidenta da Deputación de Pontevedra aposta por unha ruta turística polos castros da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na visita ao Concello da Guarda

Carmela Silva na visita ao Concello da Guarda

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos deputados de Turismo, Cultura e Emprego, Santos Héctor Rodríguez, Xosé Leal e Montse Magallanes, respectivamente, o alcalde, Antonio Lomba, e outras autoridades do Concello da Guarda, presidiu a presentación aos medios dos traballos nos 18 xacementos da provincia, incluídos dentro do protocolo co Ministerio de Fomento.

A presidenta da Deputación subliñou a importancia dos traballos nestes 18 xacementos, que permitirán “a recuperación e a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia, para transmitirlle á sociedade o coñecemento destes castros e contribuír ao desenvolvemento socioeconómico mediante a promoción turística, a través dunha oferta cultural innovadora”.

En concreto, Silva asegurou que, a través desta actuación, poderemos “coñecer quen somos e de onde vimos, pero tamén poñer en valor o noso patrimonio e cultura, impulsar a posta en marcha dunha ruta por espazos da historia galaico-romana ao longo da provincia de Pontevedra e promover turisticamente o noso destino”. Neste contexto, a presidenta da Deputación manifestou que “hoxe en día existe unha importante demanda no mundo das visitas de alto valor engadido ligadas ao patrimonio e á cultura, polo que temos que ser capaces de abrirnos ao exterior, impulsando o turismo deste tipo e presentando todas as nosas potencialidades nos mercados europeos para reforzar o crecemento económico e impulsar o emprego”. A presidenta mostrouse favorable á creación dunha ruta turística por estes 18 xacementos que impulse o turismo cultural na nosa provincia.

Sobre o Castro de Santa Trega Carmela Silva destacou que “é unha das cidades castrexas máis importantes do mundo e o centro neurálxico da Idade do Ferro, situado, ademais, nun dos lugares máis fermosos da península ibérica”.

Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, subliñou que esta actuación, que está a impulsar a Deputación de Pontevedra xunto co Ministerio de Fomento, “dará valor engadido á vila, fomentando o turismo de calidade” e recordou que “en 2015 se rexistraron 180.000 visitantes que subiron ao monte, converténdoo no segundo lugar máis visitado de Galicia por detrás da Catedral de Santiago, e 55.000 que visitaron o Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT)”.

O acto comezou ofrecendo unha visión xeral do protocolo, asinado entre o Ministerio de Fomento e a institución provincial, para a posta en valor dos 18 xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra, a cargo do arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez. O arqueólogo, coa proxección de imaxes en vídeo, deu a coñecer a situación e o estado das actuacións realizadas, centrándose no caso específico da Guarda: o xacemento que máis avanzado está das 18 escavacións que se están a acometer na provincia de Pontevedra. Rodríguez subliñou que, desde que comezaron as escavacións, en setembro de 2015, xa se atoparon máis de 40.000 pezas, máis de 40 estruturas de uso público e once vivendas, que permiten estimar que o castro estivo habitado entre o século IV a. C. e mediados do século I d. C.

A través do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento a institución provincial está a realizar escavacións en seis castros (Santa Trega, na Guarda; Castro de Alobre, en Vilagarcía de Arousa; Mercado dos Mouros, en Valga; Facho de Donón, en Cangas; A Lanzada, en Sanxenxo; e Porta de Arcos, en Rodeiro) e labores de limpeza e mantemento noutros 12 xacementos (Adro Vello, no Grove; Igrexa Vella, en Valga; Monte do Castro, en Ribadumia; A Cabeciña, en Oia; Castro de Troña, en Ponteareas; Castro de Toiriz, en Silleda; Castrolandín, en Cuntis; Alto da Cruz do Castro, en Cotobade; Castro de Penalba, en Campo Lameiro; Castro da Subidá, en Marín; Alto dos Cubos, en Tui; e Coto de Altamira, nas Neves), ademais de tarefas de dixitalización, difusión e promoción. Pola súa banda, o Ministerio ocuparase da musealización, a sinalización, os accesos e, nalgúns casos, a restauración.

As labores de limpeza vanse desenvolver con anterioridade á intervención do Ministerio de Fomento. Por iso, a súa programación dependerá da adxudicación, por parte do Ministerio, do concurso público de ideas para as obras de restauración e musealización dos xacementos, para o que se presentaron xa 26 empresas.

O acto de presentación dos traballos que a Deputación de Pontevedra está a desenvolver nos 18 xacementos arqueolóxicos da provincia rematou co depósito do “Cabezón do Trega” (achado nas escavacións realizadas en Santa Trega) no MASAT e a visita guiada polo barrio Mergelina, a cargo do arqueólogo da Deputación de Pontevedra.

17 de febreiro de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.