A praza de Lugo acolle obradoiros infantís, ‘showcooking’ e degustacións gratuítas dentro das xornadas gastronómicas ‘Lacónicas’
Este sábado 6 o mercado municipal da praza de Lugo acolle as actividades da primeira edición de ‘Lacónicas. Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos’, organizadas por Turismo de A Coruña. Os e as asistentes poderán gozar do Entroido cos cinco sentidos grazas ás degustacións gratuítas, showcooking , actuación musical e obradoiros infantís programados ao longo da mañá. O público que se achegue ao mercado terá oportunidade de saborear orellas e filloas ata agotar existencias. Repartiranse unhas 600 racións entre as 11.30 e as 13.30 horas. Ás 12.00 horas dará comezo o showcooking de Gorka Rodríguez, da Pulpeira de Melide, nomeado Cociñeiro do Ano na pasada edición do Fórum Gastronómico A Coruña 2015. O chef aprenderalles ás persoas participantes a facer distintos tipos de filloas. Á mesma hora comezará a actuación da comparsa popular Monte Alto a 100, que percorrerá o mercado coas súas composicións musicais de Entroido.
Prazas cubertas nos obradoiros infantís As 30 prazas dos obradoiros infantís de cociña están xa esgotadas e a lista de espera, cuberta. Os nenos e nenas participantes nesta actividade tamén gratuíta están convidados a asistir con disfrace e, durante o obradoiro, coñecerán os ingredientes típicos do Entroido, cos que elaborarán tres platos.
O responsable municipal de Turismo, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, estará presente o sábado nestas actividades organizadas por Turismo de A Coruña dentro da primeira edición de ‘Lacónicas’. Trinta establecementos da cidade participan nesta iniciativa coa que Turismo de A Coruña, por primeira vez, aglutina e promociona de xeito conxunto a oferta gastronómica do entroido. Do 1 ao 21 de febreiro pódese gozar dos menús, na modalidade de menú tradicional ou menú creativo, a un prezo de entre 15 e 30 euros. Lacónicas, tal e como indicou Alberto Lema na súa presentación, enmárcase na aposta de Turismo de A Coruña polo turismo gastronómico, para “impulsar a cidade como destino gastronómico e os seus mercados”.











