publicidade hoxe

A nova Lei do solo axilizará o traslado das naves do ramal e desenvolver a nova actividade en Vilaxoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, visitou esta mañá as instalacións da Autoridade Portuaria de Vilagarcía co fin de manter un encontro de traballo coa presidenta, Sagrario Franco, para iniciar a tramitación de proxectos nos que conflúan a mellora do aproveitamento público do Ramal, co apoio á competitividade das empresas asentadas no municipio.

O encontro de traballo, que tamén contou coa asistencia dos consignatarios de naves actualmente instaladas no peirao do Ramal, interesados en trasladarse a uns terreos da súa propiedade situados en Vilaxoán, serviu para escoitar de primeira man os seus proxectos e avaliar entre todas as partes presentes o pasos a dar para a súa consecución.

A secretaria xeral, Encarnación Rivas, expuxo que a nova Lei do solo, que será aprobada a vindeira semana, axilizará e simplificará os tramites para o desenvolvemento de terreos como os de de Vilaxoán, ao permitir facelo a través duna modificación puntual do PXOM. No caso concreto destes terreos, están incluídos no ámbito industrial UEI-12 e clasificados como solo urbano non consolidado no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vilagarcía, aprobado definitivamente o 4 de febreiro de 2000.

Agora os consignatarios deberán reaxustar o proxecto, o cal deberá outorgar unha ordenanza a cada unha das novas naves, segundo as súas necesidades, para que o concello inicie de inmediato a tramitación da modificación puntual.

A Secretaria Xeral indicou que esta modificación puntual, que contará con todas as garantías xurídicas, deberá incorporar a ordenación detallada, o que permitirá, ademais, axilizar posteriormente a execución do proxecto.

De feito, Encarnación Rivas precisou que, de comezarse xa os trámites, e se o concello tamén actúa con celeridade, a modificación podería estar aprobada a finais deste mesmo ano.

En canto a outros detalles da tramitación, a secretaria xeral explicou que esta nova normativa permitirá, se o concello o xustifica, axustar a cesión de zonas verdes e equipamentos se non fosen necesarios, aínda que si permanece a obriga de ceder o aproveitamento urbanístico. Precisou tamén que se descarta o fóra de ordenación para as naves xa construídas en Vilaxoán, xa que na nova Lei do solo o fóra de ordenación establécese só naqueles casos que afecten a zonas públicas, vías, zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos.

5 de febreiro de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.