A Marea de Vigo acusa de “chiringuitada” modificar a lei do Solo
A Marea de Vigo esixiu que o PP e o PSOE “se deixen de campañas goebbelianas” respecto á modificación da lei do chan, que acusou de “chiringuitada”; e pediu unha reunión coa dirección de PSA en Vigo para alertar “do perigo” e das “inseguridades xurídicas” que suporía este cambio.
Nun comunicado, o grupo municipal indicou que solicitou a reunión cos directivos da multinacional automobilística para advertirlles do “baleiro legal” que introduce a modificación da lei “ao eliminar de facto os períodos de exposición pública e o lexítimo dereito de alegacións á cidadanía”.
Neste marco, chamou o Partido Socialista e o Partido Popular a asumir “os erros cara á cidade de Vigo por converter o urbanismo nun lodazal” e remarcou que non vai tolerar “que os culpables da ilegalidade do Plan Xeral de Ordenación Urbanística dean leccións de nada”.
“A Marea non vai colaborar neste estrago”, asegurou, antes de avisar de que non apoiará “improvisacións á desesperada”, senón só “medidas con substrato legal”, onde reiterou o seu respaldo á posición de Alternativa Galega de Esquerdas.
Así, insistiu en que a proposta de AGE é “xuridicamente consistente”, xa que se basea en que os proxectos estratéxicos –ademais da ampliación de Balaídos, tamén a estación de Thom Mayne e a Cidade da Xustiza– poden saír adiante con plans ou proxectos de incidencia supramunicipal, que “esixen garantías e informes sectoriais e teñen un período de exposición público”.











