publicidade hoxe

A Guarda pecha o seu Entroido con rúas ateigadas de xente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Desfile de Entroido na Guarda

Desfile de Entroido na Guarda

O sábado, 20 de febreiro, A Guarda puido, ó fin, gozar do seu Desfile-Concurso de Entroido despois de ser aprazado con anterioridade por motivos meteorolóxicos.

Ás 17,30 horas, puntualmente e coas rúas xa ateigadas de veciños e veciñas con ganas de gozar do desfile, comezaron a saír os primeiros participantes dende a Esquina Famosa. Con música, baile e cor, os participantes pintaron as rúas guardesas no seu percorrido ata a Alameda.

Bonecos de neve, xoguetes de Lego ou todas as personaxes de Star Wars se pasearon ante a atenta mirada dos guardeses.

O desfile durou aproximadamente unha hora, momento no que o xurado deliberou as súas puntuacións para conceder os distintos premios.

Así, no palco da Alameda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba cun extravagante traxe e a Concelleira de Cultura, Elena Baz, vestida de Frida Kahlo, xunto cos membros do xurado e a técnico de Cultura, Teresa Espejo, comezaron a repartir os premios económicos aos participantes.

Na categoría “Indivisual-Infantil” o primeiro clasificado foi “El azteca del Jaguar” que presentaba un vistoso traxe. Ademais se premiou a “Cobra”, á “Lavandeira”, aos “Búhos”, ás “Mariposas” e á “Tuna Rebeca”.

No grupo de Individual “Xuvenil-Adulto” os gañadores resultaron ser en primeiro lugar “Dama de las tinieblas” e en segundo posto “Trancas e Barrancas”. 

Na categoría de grupos os premiados foron “Los guardianes de hielo y agua”. 

Entre as tres comparsas participantes o xurado tivo que quedarse con dúas. Así decidiron que o segundo premio fora para “Lego Circo”, comparsa formada tanto por nenos coma por adultos disfrazados de bonecos lego. Os participantes afirmaron que con este disfrace, feito a man, o que buscaban era transmitir a infancia pasada.

Os primeiros clasificados foron “Star Wars”, comparsa formada por quince nenos e nenas. Aquí estaban representados todos os protagonistas deste famoso filme de aventuras no espazo.

Por último se entregaron os premios ás carrozas. A segunda clasificada foi “El Lerere”, carroza inspirada na familia Flores. Estaban representados tanto Lola Flores, coma El Pescadilla, Lolita, Rosalio y Antonio Flores. A música que acompañaba á carroza eran cancións destes artistas, abaixo bailando, numerosas rapazas vestidas de andaluzas.

E o vencedor nesta categoría foi a carroza “Habelas hailas” dos Terribles de tebra. Uns corenta participantes, entre nenos e adultos, todos vestidos de meigas percorreron as rúas da Guarda, bailando e cantando. Ademais na súa carroza un móbil facía que tres destas meigas simularan voar subindo e baixando unha plataforma. 

Con esta entrega de premios A Guarda pechou un Entroido no que se levaron a cabo moitas e moi variadas actividades. Así, antes do colofón do desfile-concurso, xa se celebrara unha festa infantil, concertos para todos os públicos, contacontos e obradoiros para nenos e unha foliada da man de “Os Monifates”. 

O Concello da Guarda quere agradecer a todos os veciños e veciñas da vila a súa participación neste Entroido.

 

22 de febreiro de 2016 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.