publicidade hoxe

A Guarda goza do Entroido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+
Entroido na Guarda

Entroido na Guarda

Os veciños e veciñas da Guarda se divertiron no seu Entroido. A pesares de que o desfile-concurso tivo que ser aprazado e se celebrará nas próximas datas, houbo moitas e moi diferentes actividades para gozar desta divertida festa.

O venres 5 de febreiro foron os nenos e nenas dos diferentes colexios da vila os que deron o pistoletazo de saída ao Entroido. Pola mañá, uns 1.000 rapaces e rapazas vestiron as rúas da Guarda cos seus coloridos disfraces. Pasearon cubos de rubbick, tamén trogloditas ou polbos, para facer a delicia dos veciños e veciñas que se agolpaban nas rúas  para ver o desfile.

O sábado as actividades xa comezaron pola mañá. A partires das 11 horas na Biblioteca Municipal celebrouse unha nova sesión de Contos Contados á que asistiron 30 nenos e nenas de diferentes idades. Ademais de escoitar unha historia os rapaces se divertiron nun obradoiro de máscaras de animais.

Pola tarde houbo cinema infantil no Centro Cultural, onde se proxectou o filme “Rio2”. Máis de 70 persoas acudiron á cita e uns 45 o fixeron disfrazados. Estes últimos levaron un pequeno agasallo.

Ás 19 horas comezou, na carpa instalada na Alameda, unha foliada da man de “Os Monifates”. Estes músicos artesáns, acompañados dos seus títeres, fixeron bailar o máis de medio centenar de persoas que acudiron a escoitalos. O Concello regalou entre os presentes filloas e orellas, sobremesa típica do entroido galego.

Pola noite, dende ás 23,30 horas e ata pasadas ás 2,30 horas da madrugada, a música de “The Winning Numbers” e “San Rockers” soou ante unha carpa chea de xente disfrazada. 

O domingo foi “O día das Familias”. Pola tarde na carpa da Alameda houbo unha festa de disfraces e música da man da orquestra SONORA. Todas aquelas familias que se disfrazaron levaron un pequeno agasallo.

O luns, día 8 de febreiro, o día estaba reservado para a diversión dos máis cativos. Durante a tarde celebrouse unha festa infantil con dj, pintacaras, globoflexia e baile. Foron moitos os nenos e nenas, acompañados dos seus pais e avós, os que se animaron a desfrutar desta festa e do entroido.

O martes, por mor das condicións climatolóxicas tivo que aprazarse o desfile-concurso que contaba con máis de 200 participantes. Espérase que se celebre esta fin de semana pero nos próximos días se confirmará con certeza a data, que dependerá da evolución meteorolóxica. 

Durante toda a fin de semana, para desfrutar tamén da gastronomía do Entroido, nove restaurantes da Guarda (Arruaz, Brisamar, La Pizzicata, Marusía, O Cangrexal, Porto Guardés, The Celtic Harp, Xantar e Xeito) propuxeron un menú composto por un primeiro prato de caldo, un segundo de lacón con grelos e unha sobremesa na que se escollería entre filloas ou orellas, tanto para comer coma para cear. 

Grazas a todas estas actividades e a pesar do tempo desfavorable, os veciños e veciñas da Guarda puideron gozar do seu Entroido.

10 de febreiro de 2016 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.