A granxa e o tempo foron os temas principais dos festivais de Entroido das Escolas Infantís de Ames

Festival de Entroido na Madalena
Os máis novos do concello de Ames tamén celebran o Entroido. As escolas infantís do Bosque e da Madalena prepararon coa axuda dos nenos, as nenas e as súas familias disfraces e merendas para a ocasión.
Na escola infantil da Madalena a granxa por o tema en torno ao cal xiraron os disfraces. Os pais, nais, avós e avoas participaron na elaboración dos traxes de Entroido dos pequenos e pequenas. As mestras da Madalena organizaron obradoiros de confección e destas tardes de pegar e recortar naceron os traxes das vacas, poliños, galiñas ou coellos que despois vestiron as distintas clases da Escola Infantil.
Guiados polas súas mestras, vestidas de granxeiras, as clases puxéronse cadanseu disfrace e, pola mañá do venres desfilaron pola praza da Madalena, onde se sacaron unha fotografía. A mesma tarde do venres as familias foron convidadas a compartir unha merenda na que cada cal aportou comida para compartir. A partir das 17:00 horas as mesas da escola enchéronse de rosquillas, filloas e outros doces, para dar remate ao día de festa.
No festival do Bosque os nenos e nenas representaron as condicións meteorolóxicas. Coa axuda das mestras da escola o alumnado de 1 a 3 anos recreou, empregando papeis, cartolinas, plásticos e pinturas o sol, as nubes e as tormentas, no caso das clases de 1 a 2 anos e a chuvia, o sol con nubes e o arco da vella, nas clases de 2 a 3 anos. As mestras confeccionaron ademais os disfraces de copos de neve, feito con pompóns, dos máis novos da escola. A mestra de cada unha das clases acompañou aos seus alumnos e alumnas disfrazándose do mesmo xeito. A escola viu desfilar polos seus corredores aos nenos e nenas do tempo pola mañá do xoves, na que o patio da escola se converteu nunha pista de baile.
O venres as familias foron invitadas a participar no Entroido nas instalacións escolares. Cada unha aportou bocatas, filloas, orellas e outros alimentos á merendola que se organizou para despedir a semana. Desta volta os nenos e nenas escolleron un segundo disfrace.











