publicidade hoxe

A gastronomía, os disfraces e a festa únense no Entroido de Bueu 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

O Centro Social acolleu o venres a presentación da programación do Entroido de Bueu 2016, que vén marcado por obradoiros culinarios,  festas infantís e de comparsas, e os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro. “Un programa variado e para todos os públicos”, tal e como destacaron Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo, e Xabier Framil, técnico de cultura.

Así, ata o 14 de febreiro, os buenenses poderán achegarse ata as dúas exposicións do Centro Social, referentes a “Historia do Entroido de Bueu” e ao “Concurso de carteis de Entroido”. E xa desde hoxe e ata o mércores 10, os obradoiros serán os protagonistas, xa que de 11 a 13, a carpa da Praza Massó dará a oportunidade de que todos os que o desexen se acheguen para aprender sobre temas tan variados como as artes escénicas, pintacaras, xogos de animación, elaboración de repostería do Entroido e de máscaras, ademais de xincanas.

As festas infantís coa temática do Entroido tamén encherán de cor as tardes dos máis pequenos. Hoxe a partir das 17 horas haberá obradoiro de ritmo e movemento, Cantabaila e xogos de animación; o martes, a estrela será a actuación do Grupo de Baile Moderno Sara Estévez, obradoiro de cociña (filloas e orellas), Cantabaila e A procura do tesouro; e en Meiro, a Casa da Aldea será o lugar de celebración da tradicional Filloada de Meiro. O mércores, 10 de febreiro, haberá obradoiros de novo pola mañá e , pola ás 17 horas desenvolverase o desfile infantil e xuvenil do Enterriño da Sardiña, con entrega de premios.

O venres ás 21 horas, celebrarase o XXXV Festival de Comparsas, coas actuacións de “Os mulos”, “As Meigas”, “Os do Pinsel”, “Kantaclaro”, “Vou nun bou” e “Os máis ou menos”.

O sábado 13 será o festival de disfraces e karaoke infantil na carpa da Praza Massó ás 17 horas, e ás 21 horas a festa de disfraces para maiores, que contará coas actuacións de The Grave Dolls e Gold & Colt.

O domingo 14 será a quenda do desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que comezará ás 17 horas polas rúas do casco urbano. Ás 19 horas aproximadamente será a queima do paxaro na praia da Banda do Río e a continuación a entrega de premios para os participantes no desfile, entre os que se repartirán 1300 euros, nas diferentes categorías.

E o Entroido de Bueu chega á súa fin o venres 19 co Festival de Comparsas que terá lugar na Casa do Pobo de Beluso ás 21 horas, para o que se poderán mercar as entradas anticipadas na librería Anguián cun custe de 6 euros.

8 de febreiro de 2016 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.