A Fundación de Vilagarcía remite aos clubs as convocatorias das axudas ao deporte federado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Fundación Municipal de Deportes acaba de convocar as liñas de axudas correspondentes ao exercicio 2016 e que este ano contan con maior dotación orzamentaria. Aínda que o prazo de presentación das solicitudes non se abrirá ata o día despois de que o anuncio sexa publicado no BOP, o organismo que preside Argimiro Serén remitiu hoxe a todos os clubs as bases das convocatorias e os formularios de solicitude a efectos de que as entidades dispoñan de tempo suficiente para ir preparando a documentación. As axudas da Fundación teñen como obxectivo subvencionar o deporte federado e a organización de eventos deportivos de carácter extraordinario.

Precisamente esta última liña de axudas, á relativa ao organización de actividades deportivas extraordinarias, é a que máis se veu reforzada nos primeiros orzamentos elaborados pola actual presidencia. A partida incrementouse en 5.000 euros respecto ao ano anterior, o que supón un incremento do 33%. Con esta medida, a Fundación de Deportes recoñece a importancia de que unha cidade como Vilagarcía acolla torneos de carácter autonómico, nacional e internacional como poden ser o Arousa Fútbol 7 ou a Vilagarcía Basket Cup, entre outros, xa que, aparte de ser un xeito de promover o deporte e de motivar aos futuros deportistas da vila, tamén supoñen un importante elemento dinamizador para a economía local.

A partida para subvencionar o deporte federado tamén se engrosou este ano con 2.000 euros máis.

Tanto no caso da convocatoria para a organización de eventos como a do deporte federado, as axudas concédense en relación a actividade desenvolvida polos clubs durante o ano 2015.

Unha vez de que as convocatorias salgan no Boletín Oficial da Provincia, os clubs e entidades deportivas disporán dun prazo de 20 días naturais -a contar a partir do día seguinte ao da publicación- para presnetar as solicitudes, para o cal deberán dirixirse as oficinas da Fundación de deportes, con sede en Fexdega.

3 de febreiro de 2016 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.