publicidade hoxe

A Feira do Viño do Ribeiro convoca o seu concurso de carteis para ilustrar a celebración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadavia
A-
A+

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro colabora co Concello de Ribadavia na organización da Feira do Viño do Ribeiro. Como primeira actividade desta edición, convócase o Concurso de Carteis que ilustrará a 53ª edición desta cita, declarada de interese turístico.

A convocatoria do concurso fíxose pública o pasado venres, estando dirixida a creativos e artistas, que deberán presentar obras inéditas orientadas no tema “Ribeiro é a Denominación de Orixe máis antiga de Galicia (1932). Ribeiro é historia, paisaxe, territorio. Viños brancos, tintos e tostados auténticos e xenuínos. Esencia Galega”.

O prazo para presentar os orixinais (en formato dixital ou físico) finaliza o 29 de febreiro, estando previsto o fallo do xurado e presentación da obra gañadora para o día 4 de marzo. Concederase un único premio de 1.500€ ao cartel gañador que outorgará o xurado. Este xurado estará composto por profesionais do mundo das artes e do deseño, estando ademais representados os organizadores: o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia.

Todas as obras seleccionadas nunha primeira rolda polo xurado formarán parte dunha mostra que se inaugurará en Ribadavia coincidindo coas datas de celebración da feira. 

8 de febreiro de 2016 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.