A espera media no Chuac para as intervencións cirúrxicas situouse en 19,5 días
A espera media no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) para unha intervención cirúrxica de prioridade 1, -as consideradas máis graves- situouse en 19,5 días en 2015, fronte aos 20 días do ano anterior. Mentres, as de prioridade 2 pasaron de 58,6 a 54,7 días.
O ano pasado, un total de 34.308 persoas foron intervidas cirurxicamente, o que supuxo 1.649 operacións menos que en 2014. Mentres, o número de pacientes á espera dunha intervención aumentou en 388, pasando dos 7.510 en 2014 a 7.898 o ano pasado.
En rolda de prensa, o director de Procesos con Ingresos da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña, Ricardo López Boullán, destacou, entre outros datos, o incremento do número de persoas atendidas nos servizos de urxencias, un total de 160.396, 6.357 máis que o ano anterior.
Este aumento de número de atencións repercutiu tamén na media diaria, pasando das 422 no ano 2014 ás 439 do ano pasado. O balance asistencial remarca tamén o aumento da taxa de urxencias ingresadas, pasando de 17,86% a 18,21%.
CIFRA “HISTÓRICA” EN TRANSPLANTES
Entre outros datos, o doutor Ricardo López destacou ao aumento “nun 21%” dos transplantes realizados en 2015 en relación ao ano anterior. “Unha cifra histórica”, dixo. Ademais, resaltou “a baixada dos tempos medios” na espera para unha intervención cirúrxica.
Por outra banda, subliñou iniciativas como os programas de telemedicina, cos que se atendeu a case 8.000 pacientes, ou os resultados obtidos nas consultas de alta resolución a través das que o especialista, ademais de consultar ao enfermo, faille a proba médica necesaria no mesmo momento.
ATENCIÓN PRIMARIA
Mentres, o número de consultas realizadas nos centros de Atención Primaria da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña de situou en 4.787.765, o que supuxo un incremento de 227.674 con respecto a 2014. Destas, 2.592.620 foron consultas médicas e o resto de enfermaría.
Por outra banda, o número de consultas telefónicas realizadas nestes centros aumentou en máis de 1.000 con respecto ao ano anterior, pasando de 6.702 a 7.790 o ano pasado.
Na presentación destes datos, o doutor Ricardo López agradeceu, ademais, o labor dos profesionais, “sen a dedicación da cal non sería posible alcanzar os obxectivos”, apuntou.











