A EOXI de Vigo contará no segundo semestre do ano cunha unidade de Psicoxeriatría
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, a creación dunha unidade de Psicoxeriatría na Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo no segundo semestre do ano.
Ademais, destacou que o Sergas está a realizar importantes avances na atención aos pacientes con necesidades no ámbito da saúde mental, -unha das prioridades da Administración sanitaria galega-. Subliñou que, tan só 4 das 17 comunidades autónomas, incluíndo nestas 4 a Galicia, contan con dispositivos específicos para a atención comunitaria á Saúde Mental do ancián. No resto das comunidades os programas son levados a cabo nos dispositivos comunitarios de adultos.
Galicia dispón actualmente, referiu o conselleiro, dun total de 38 unidades de Saúde Mental de adultos, que son os dispositivos básicos para o tratamento ambulatorio dos problemas desta especialidade. Existen, ademais, na nosa comunidade, dispositivos específicos e programas en psicoxeriatría, sendo o fundamento do actual modelo facilitar a accesibilidade aos servizos, tanto do primeiro como do segundo nivel, e proporcionar unha atención de calidade centrada no doente e na súa familia dende unha perspectiva multidisciplinar, incluíndo a participación de diferentes especialidades sanitarias e dos servizos sociais.
Remarco, ademais, que en Ourense, que é a provincia máis envellecida de Galicia, modificouse o Programa de Psicoxeriatría previo, que pasa a integrarse no programa de interconsulta e enlace. Isto facilitou a posta en marcha da vía rápida de atención á demencia, xunto co servizo de Neuroloxía, para dar unha resposta preferente ás alteracións condutuais en demencia.
Tamén subliñou que, na área de Vigo, estase a producir unha reordenación integral da atención hospitalaria. En concreto, no caso de Psiquiatría, xa se trasladaron os dispositivos de rehabilitación e media estadía, sitos no Hospital Rebullón, ao Nicolás Peña, estando xa en pleno funcionamento a Unidade de Hospitalización Psiquiátrica no Hospital Álvaro Cunqueiro. No contorno desta reorganización, afrontarase tamén a atención psicoxeriátrica, contando, neste caso, co valor engadido de que o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo dispón dun Servizo de Xeriatría acreditado.
Tamén incidiu en que existe un convenio de colaboración, dende o ano 2011, asinado entre o Sergas e a entón Consellería de Traballo e Benestar, polo que se establecen liñas de traballo conxuntas de apoio e atención sociosanitaria, a pacientes con trastorno mental de duración prolongada e curso crónico, estabilizados dende o punto de vista sanitario. Este convenio ten como obxecto establecer as medidas necesarias para garantir a axeitada coordinación entre a atención social dispensada en centros residenciais, persoas maiores e/ou con discapacidades, e os servizos especializados de carácter sanitario.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que o Sergas está a realizar, e o seguirá a facer, importantes avances na atención aos pacientes con necesidades no ámbito da saúde mental, incluíndo o que atinxe á atención psicoxeriátrica.











