A directora xeral de Xuventude visita o punto de asesoramento Quérote+ na Coruña
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou esta tarde o Punto de Asesoramento Qúerote+ do proxecto Campus UDC = Universidade Saudable no Centro Universitario de Riazor. A directora xeral valorou positivamente o traballo deste centro que desde o pasado mes de novembro leva a cabo unha nova liña de atención, posto en marcha previamente pola USC en cursos anteriores e dirixido á poboación universitaria da cidade.
Os centros Quérote+ son centros de asesoramento para a mocidade, dependentes da Dirección Xeral de Xuventude Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, no relativo a información e asesoramento sobre sexualidade, imaxe corporal e autoestima, convivencia, uso responsable das tecnoloxías da información e da comunicación e prevención de consumos. Son referentes na realización da proba rápida de VIH, realizan probas de embarazo e dispensan preservativos, tanto masculinos como femininos. O servizo atende consultas sobre todos estes temas de forma gratuíta, anónima e confidencial, a través das distintas vías dispoñibles: presencial, telefónica, en liña e a través de aplicacións móbiles.
Esta iniciativa de facilitar un punto físico de Asesoramento e Información destinada a universitarias e universitarios enmárcase dentro do proxecto Campus UDC = Universidade Saudable, implementado recentemente pola universidade coruñesa, adherida á Rede Española de Universidades Saudables (REUS). Con esta medida respóndese a algúns dos principais obxectivos do proxecto como os relativos a potenciar a universidade como contorna promotora da saúde da comunidade universitaria e da sociedade no seu conxunto, promover e favorecer o traballo conxunto entre organismos de saúde pública, as institucións comunitarias e as universidades, ou fomentar a oferta de servizos e actividades dirixidos a promover a saúde da comunidade universitaria.
O Punto de Asesoramento Quérote Máis na UDC está atendido polo equipo técnico de Quérote+ durante os mércores lectivos durante o curso académico, en horario de 17:00 a 19:00 horas no Centro Universitario de Riazor (Biblioteca antiga Empresariais) , na rúa Almirante Lángara, s/n. Ademais, como é habitual, o asesoramento tamén se leva a cabo de luns s venres na Praza de Ourense nº 7-8 -1º esquerda. Para facer chegar aos mozos/as toda esta información, leváronse a cabo varias mesas informativas e están previstas presentacións en aulas das diversas Facultades.











