publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra realizará un estudo de mobilidade no Rosal para que o Concello poida peonalizar a praza do Calvario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, reuniuse hoxe co alcalde do Rosal, Jesús María Fernández Portela, e comprometeuse a que a Deputación de Pontevedra realizará un estudo de mobilidade no concello, co obxectivo de que o goberno local poida peonalizar a praza do Calvario e recuperala para o uso exclusivo dos veciños.

A peonalización da praza do Calvario é un obxectivo formulado xa hai anos polo goberno local que, segundo explicou o deputado provincial, encaixa perfectamente coa política da nova Deputación de realizar actuacións que permitan que os cidadáns volvan ser os protagonistas dos espazos públicos. “A intención é conseguir que a praza volva ser un lugar de centralidade para todas as parroquias, no que se poidan desenvolver actividades públicas e eventos. Preténdese crear un espazo atractivo para uso cotiá e no que os cidadáns perciban calidade urbana e seguranza, para que os máis pequenos podan xogar libremente, sen o problema que supoñen os vehículos. Esa é a filosofía do novo goberno provincial”, explicou Benítez.

A intención de peonalizar a parte máis antiga da vila xa está recollida parcialmente no Plan Especial do Concello do Rosal e, agora, quéreselle dar un novo pulo. Neste sentido, Benítez subliñou que a colaboración da institución provincial para botar adiante a iniciativa será total. Para concretar esa axuda os técnicos provinciais realizarán un estudo da mobilidade rodada e peonil no núcleo urbano, co fin de detectar as necesidades e formular unha proposta de actuación global na que poida encaixar a mellora da praza do Calvario.

Un dos puntos máis importantes será establecer as posibles alternativas para o aparcamento que agora hai na praza. Buscaranse posibles bolsas de estacionamento, o máis próximas á área de actuación, para resolver as necesidades dos veciños. Nestes momentos barállanse como posibles solucións unha zona na traseira do Concello e tamén un terreo, propiedade da Igrexa, ben comunicado coas estradas principais.

Unha vez elaborado o estudo de mobilidade, o goberno local deberá decidir se leva adiante o concurso de ideas que tiña inicialmente formulado.

No encontro de onte estivo tamén presente o asesor de Mobilidade provincial, Jesús Fole, que subliñou as grandes posibilidades da praza do Calvario. “Só con quitar os coches e eliminar os bordiños a praza ten moitísimas posibilidades”, dixo, para engadir que sería unha oportunidade poder incluír no deseño final o contorno da igrexa.

Por outra banda, o alcalde do Rosal tamén lle formulou a Benítez a creación dunha senda peonil na estrada provincial EP-3302, que tamén será estudada polos técnicos provinciais.

18 de febreiro de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.