publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra presenta na Guarda os traballos que está a desenvolver nos 18 xacementos arqueolóxicos da provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos deputados de Turismo, Cultura e Emprego, Santos Héctor Rodríguez, Xosé Leal e Montse Magallanes, ademais do alcalde e autoridades do Concello da Guarda, preside a presentación aos medios de comunicación dos traballos nos 18 xacementos da provincia, dentro do protocolo co Ministerio de Fomento, e o acto de depósito do “Cabezón do Trega” no Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (MASAT) .

O acto comezará ás 11:00 horas no MASAT, no cumio do monte, onde o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, ofrecerá unha visión xeral do protocolo asinado entre o Ministerio de Fomento e a institución provincial para a posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra. Rodríguez, cunha proxección de imaxes en vídeo, dará a coñecer a situación, novidades e estado das actuacións realizadas centrándose no caso específico da Guarda, o xacemento máis avanzado das 18 escavacións que se están a acometer na provincia de Pontevedra.

A continuación terá lugar o acto de depósito do “Cabezón do Trega”, achado nas escavacións realizadas en Santa Trega. Ademais, se o tempo o permite, realizarase unha visita guiada polo arqueólogo da institución provincial, comezando no barrio Mergelina e descendendo ata a escavación.

16 de febreiro de 2016 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.