A Deputación de Ourense aproba 1,2 millóns de euros para servizos sociais e atención á infancia
O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe destinar un total de 1,2 millóns de euros en 2016 para servizos sociais e atención á infancia nos concellos da provincia, por medio do programa BenOurense de asistencia económica, técnica e xurídica aos concellos en materia de servizos sociais comunitarios, e para o programa “BenOurense Infancia”, para a concesión de subvencións para puntos de atención á primeira infancia e servizos complementarios dependentes de corporacións locais.
O pleno da Corporación Provincial tamén aprobou a Ordenanza reguladora de utilización por terceiros das instalacións e centros culturais da Deputación. A ordenanza ten por obxecto regular o de ditas instalacións, que teñen a condición de bens de dominio e servizo público por parte de cidadáns, agrupacións, asociacións, entidades públicas ou privadas, para a realización de actividades culturais ou sociais, previa autorización administrativa nos termos que se sinalan na presente ordenanza. A finalidade desta norma é establecer unha regulación básica para o correcto funcionamento dos ditos espazos culturais, desenvolvendo os requisitos e condicións para a súa utilización por parte de terceiros.
Asemade, a corporación deu luz verde aos programas de cooperación de Empregabilidade e Mocidade, para os que se destinan un total de 1,4 millóns de euros en 2016. No caso do Programa de Empregabildiade a finalidade é contribuír ao sostemento económico dos servizos de competencia municipal posibilitando a contratación dos recursos humanos necesarios co dito fin; e no que atinxe ao Programa de Mocidade o obxectivo é contribuír ao financiamento das actividades desenvolvidas polos concellos da provincia en prol da mocidade ao longo do exercicio 2016.
O pleno acordou tamén instar ao goberno galego a que, a través da Consellería de Política Social, realice as xestións para dotar a Ourense dun centro de continuidade que lles dea cobertura ás necesidades das persoas con discapacidade física e intelectual a partir da idade de 21 anos, e das súas familias. E tamén, igualmente, a que con carácter de urxencia, e para atender as necesidades inmediatas, en colaboración coa Consellería de Educación, se establezan mecanismos de colaboración para garantir a permanencia no centro de educación especial Miño dos menores que cumpran os 21 anos mentres non se resolva a situación con carácter definitivo.











