A Deputación da Coruña revitalizará a FAEPAC para apoiar aos concellos en proxectos de aforro e eficiencia enerxética
A Deputación da Coruña pretende “revitalizar” durante este mandato a Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC) para poñela a disposición dos concellos no desenvolvemento de proxectos de aforro e mellora da eficiencia enerxética.
Así o anunciou esta mañá o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a inauguración dunha xornada que reúne a alcaldes, concelleiros e ténicos dos concellos coruñeses no Paraninfo da UDC e na que abordarán as diferentes opcións existentes para o financiamento de proxectos que permitan reducir o gasto eléctrico municipal.
González Formoso afirmou que a suba da factura eléctrica experimentou unha suba de case o 100% dende o ano 2006, o que “representa un gran problema para os concellos, as familias e as empresas” e apuntou que, “para algúns concellos do ámbito rural, a factura eléctrica supón xa a maior partida do gasto corrente, por enriba incluso da de persoal.”.
Neste sentido, apuntou que a Deputación pon a disposición dos municipios, a través da FAEPAC, un servizo de apoio e orientación para mellorar a súa eficiencia enerxética e reducir o gasto neste ámbito. “Tras catro anos funcionando ao ralentí, queremos revitalizar a FAEPAC”, afirmou o presidente provincial coruñés, que considerou que os concellos deben ser protagonistas neste ámbito e desenvolver as súas propias estratexias enerxéticas e proxectos de desenvolvemento sostible.
A FAEPAC, fundada no ano 2006, prestou servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica durante o pasado ano a 18 concellos da provincia, que permitiron importantes aforros aos municipios. Así, concellos coruñeses de entre 5.000 e 30.000 habitantes aforraron máis de 20.000 euros ao ano na factura eléctrica e os de 3.000 a 5.000 habitantes poideron aforrrar máis de 50.000 € anuais con investimentos modestos que teñen un periodo de retorno de entre 2 e 4 anos.
Como nova vía de financiamento para estes proxectos, González Formoso anunciou que o Plan de Medio Ambiente que preparara o executivo provincial e que estará dotado con 4 millóns de euros terá entre os seus obxectivos a mellora da eficiencia dos sistemas de climatización e iluminación municipais.
Programa piloto contra a pobreza enerxética
Valentín González apuntou ademáis que dentro do plan de actuación da Axencia Enerxética Provincial para 2016 inclúese o desenvolvemento dun programa piloto con familias da provincia da Coruña en situación de pobreza enerxética, de xeito que os técnicos da FAEPAC, en colaboración cos servizos sociais dos concellos, leven a cabo nos seus domicilios auditorías enerxéticas similares ás que realizan habitualmente nos concellos para elaborar despois unha proposta de aforro que permita reducir considerablemente o consumo mantendo o nivel de confort no fogar.











