A Deputación da Coruña presentará unha moción para esixir o cumprimento dos protocolos internacionais na atención ás mulleres durante os abortos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación instara a que se abra unha investigación sobre a atención ás mulleres que, por algunha circunstancia ou complicación no embarazo, deben realizar abortos nas áreas sanitarias do CHUAC e o CHUF e esixirá que se cumpran os protocolos internacionais. Foi o compromiso ao que se chegou esta mañá de luns na xuntanza con representantes da Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña que presidiu a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e convocou a área de Igualdade, da que é responsábel Ánxela Franco.

Representantes de grupos políticos con presenza na corporación asistiron á xuntanza que na mañá deste luns se desenvolveu con representantes da Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña para coñecer de primeira man a situación das áreas de xinecoloxía do CHUAC e o CHUF despois das noticias que denuncian que mulleres son obrigadas a abortaren soas por falta de atención médica e psicolóxica.

Na xuntanza, presidida pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e convocada pola área de Igualdade e Servizos Sociais a cargo da nacionalista Ánxela Franco, acordouse presentar no vindeiro pleno que terá lugar este venres unha moción na que se insta á Xunta a que se abra unha investigación sobre o contido das denuncias existentes ademais de incluír a esixencia de aplicar os protocolos internacionais co fin de garantir a atención sanitaria e psicolóxica ás mulleres.

Representantes de PsdG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alterantiva dos Veciños acordaron tamén establecer contactos coas outras deputación para comprobar se existen denuncias semellantes no conxunto do territorio galego co fin de transmitirlle á Xunta de maneira unitaria a preocupación pola situación e dialogar sobre as posíbeis solucións.

A voceira da Plataforma polo Dereito ao Aborto, Vitoria Louro, destacou na reunión da Deputación o feito de que haxa trinta concellos da provincia da Coruña en que as mulleres non teñen servizo de xinecoloxía no seu centro de referencia que é o Centro de Orientación Familiar do Ventorrillo. “Que tantas mulleres sigan sen asistencia xinecolóxica parécenos un escándalo e comprometémonos a facer todo o que estea nas nosas mans para que as mulleres vexan garantidos os seus dereitos”, sinalou Goretti Sanmartín.

Pola súa parte, a deputada da área de Igualdade e Servizos Sociais, Ánxela Franco, esixiu “atención sanitaria para todas as mulleres durante todo o proceso de indución ao parto nestes casos que son abortos de embarazos desexados e que precisan un forte apoio emocional ademais de médico”.
Victoria Louro, da Plataforma polo Dereito ao Aborto, reclamou “investigación sobre o que está pasando e garantir o cumprimento dos protocolos internacionais nestes abortos que se producen no segundo trimestre cunha forte presión psicolóxica para as mulleres polo que é preciso que exista persoal especializado en todo o proceso”.

Ademais de Goretti Sanmartín e Ánxela Franco, do BNG, asistiron á xuntanza Xulio Sacristán do PsdG-PSOE, Rocío Fraga de Marea Atlántica e Ángel García Seoane de Alternativa dos Veciños. O deputado de Compostela Aberta, Manuel Dios, fixo chegar ás participantes a súa imposibilidade de asistir e o seu compromiso coas súas reivindicacións. Por parte do PP, xustificaron a ausencia por cuestión de axenda.

22 de febreiro de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.