A Delegación Territorial da Xunta en Ourense sinaliza os edificios administrativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense vai sinalizar todos os seus edificios administrativos na cidade co material do programa “Chanzo a chanzo “, posto en marcha pola Consellería de Sanidade para a promoción da actividade física no ámbito laboral. A sinalización iniciouse na xefatura territorial de Sanidade por ser a promotora desta iniciativa que ten como finalidade animar, durante a xornada laboral, a usar as escaleiras en lugar dos ascensores por parte dos traballadores e usuarios de dito edificio. Ao mesmo tempo, esta campaña pretende facilitar que traballadores e usuarios do edificio administrativo acaden así os 150 minutos por semana de actividade física moderada, que recomenda a estratexia de promoción e prevención do Sistema Nacional de Saúde para unha persoa adulta.

De xeito paulatino, procederase a sinalar as diferentes xefaturas territoriais do Goberno galego en Ourense, avaliando a resposta cidadá diante da colocación dos distintivos.O seguinte inmoble que vai ser sinalizado será o que alberga a delegación territorial, emprazado na céntrica avenida da Habana.

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, lembrou que na actualidade a poboación non está a cumprir con esta recomendación e así indicou que, segundo a enquisa nacional de saúde publicada en 2013, o 33,6% dos españois de 18 a 69 anos non realizan esta actividade e o sistema de información de condutas de risco do ano 2011 de Galicia reflexa que os niveis máis altos de sedentarismo na poboación galega acádanse entre os 25 e 64 anos, especialmente nas mulleres e supoñen case un 50% dos galegos neste grupo de idade. “Con esta campaña animamos á poboación, tanto funcionarios como público xeral, a non coller o ascensor para subir as escaleiras e que, deste xeito, fagan algo de exercicio o que redundará na súa saúde”, asegurou Díaz Mouteira.

Os materiais gráficos que se están a utilizar atópanse a disposición de calquera empresa ou edificio administrativo, na páxina web da Consellería de Sanidade: carteis a carón das portas dos ascensores con diferentes personaxes transitando por escaleiras cos seus pensamentos positivos, pegadas que nos dirixen cara ás escaleiras, pegatinas coa lenda “mellor a pe” situadas no chan que antecede aos ascensores e carteis nalgúns dos propios chanzos das escaleiras que inclúen mensaxes cos beneficios da actividade física para a saúde.

Segundo os profesionais médicos, realizar actividade física ten resultados positivos para a función cardiorrespiratoria, a mobilidade muscular e a flexibilidade das articulacións, conseguindo beneficios secundarios no risco de obesidade, de hipertensión arterial, de accidentes cerebro vasculares e mesmo doutras patoloxías como a diabete tipo 2 ou cancros tan frecuentes como o de mama ou colon. Tamén favorece a calidade reparadora do sono e ten efectos beneficiosos fronte á ansiedade e á depresión.

Co obxectivo de lograr un respaldo maioritario a esta campaña, dende os distintos departamentos autonómicos en Ourense se están a remitir comunicacións a todo o persoal convidándolle a participar no programa.

17 de febreiro de 2016 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.